Ocupa o primeiro posto de España no ámbito dos hoteis e dos aloxamentos de turismo rural
A Comunidade galega pechará o ano 2016 cun total de 281 establecementos e servizos turísticos certificados co distintivo ‘Q’ de calidade turística, ocupando o primeiro lugar de España en número de hoteis e apartamentos turísticos, con 66 aloxamentos certificados, e casas de turismo rural, con 35 certificacións.
Dentro destas distincións outorgadas polo Instituto de Calidade Turística de España (ICTE), a Comunidade galega tamén lidera no ámbito estatal os segmentos de balnearios, instalacións náutico deportivas, turismo activo, e turismo industrial. Ademais é a segunda con máis axencias de viaxes certificadas, de xeito que Galicia é o segundo territorio con máis establecementos certificados, logo de Andalucía.
Polo que respecta ao volume total de establecementos que contan co ‘Q’ de calidade turística, Galicia rexistra un incremento sostido desde o ano 2003, cando se rexistraron 13 certificacións, e que este ano conta con sete establecementos máis que en 2015.
En canto aos segmentos de establecementos e servizos turísticos certificados co ‘Q’ de calidade turística, Galicia conta con 35 aloxamentos rurais, oito balnearios, catro cámpings, 66 hoteis e apartamentos turísticos, 12 instalacións náutico-deportivas, tres oficinas de información turística, dous pazos de congresos, 18 praias, 69 servizos de restauración, 42 servizos turísticos de intermediación (axencias de viaxes), tres empresas de turismo activo, 16 instalacións de turismo industrial, dous servizos de transporte turístico e un de turismo de saúde.
Apoio ao sector
Pola súa parte, Turismo de Galicia apoia a implantación do ‘Q’ de calidade turística en Galicia a través do acordo asinado co Clúster Turismo de Galicia ao obxecto de ofrecer un servizo de consultaría para as empresas e asociacións empresariais integradas. Deste xeito, no ano 2016 o departamento de Turismo da Xunta destinou 150.000 euros a este convenio.
Ademais, o organismo público de xestión e promoción turística de Galicia desenvolveu en 2016 unha liña de axudas por importe de 90.000 euros destinada a apoiar o financiamento dos custos de certificación ou de renovación da marca ’Q’ dos establecementos interesados.
Sistema de Calidade Turística de España
O Sistema de Calidade Turística de España, foi implantado no ámbito de todo o Estado español polo propio sector turístico, co apoio do Goberno Central e as Comunidades autónomas.
A adhesión e participación no Sistema de Calidade Turística Española é totalmente libre e voluntaria e pode ser solicitada en calquera momento. Para obter o distintivo Q, a empresa, unha vez adherida ao Sistema, debe seguir o proceso de implantación segundo as características da súa organización, contando coa asistencia técnica e o apoio precisos. En Galicia, o do Sistema de Calidade Turística de España está representado por Turismo de Galicia.
A estratexia da marca turística Q consiste en dotar ás empresas do sector turístico español dun sistema de xestión e mellora da calidade de produtos e servizos que lles permitan crean unha vantaxe competitiva axeitada ós novos retos do mercado, e conseguir así o recoñecemento da imaxe de marca de España como destino de calidade.