Friday 22 de November de 2024

O Goberno local confía en abrir o novo centro sociocultural do Romaño antes da primavera


O alcalde mostrou hoxe o seu convencemento de que o novo centro sociocultural do Romaño abrirá as súas portas antes da primavera. Martiño Noriega lembrou que esta infraestrutura está financiada con cargo a fondos europeos, dentro do programa Urbana Santiago Norte, e é preciso ter xustificados eses gastos antes do mes de marzo.

O alcalde explicou que o atraso na apertura do centro sociocultural do Romaño responde “a pequenas deficiencias, como humidades ou problemas nos remates do edificio, que impiden que se certifique en torno a un 4% da obra”. Por este motivo, ténselle aberto un expediente á empresa construtora, Francisco Gómez y CIA, instándoa a emendar as deficiencias para que o centro poida ser recepcionado.

Martiño Noriega sinalou que ese expediente podería supoñer “unha sanción de ata o 10% do total da custo da actuación”, e avanzou que “non se descarta poñer en marcha fórmulas de recepción provisional para conciliar o remate completo das obras coa posta en marcha do edificio”. Ademais, adiantou que o Concello e a empresa manteñen discrepancias en torno ao expediente, “porque a empresa alega que existía o compromiso do anterior Goberno local de tramitar un modificado do proxecto que nunca se chegou a facer”.

As obras do centro sociocultural do Romaño foron adxudicadas en maio de 2014, por un importe de 6731.240 euros máis IVE, e cun prazo de execución de 10 meses. A actuación foi incluída no programa Urbana Santiago Norte, cofinanciado pola Unión Europea con cargo ao FEDER.

Prórroga de alugueiros
Á espera de que o novo edificio poida abrir as súas portas, a Xunta de Goberno aprobou hoxe a prórroga do contrato de aluguer do local que se está utilizando a día de hoxe como Centro Sociocultural do Romaño. A prórroga faise por seis meses, ata xuño de 2017.

Nesta liña, o Executivo autorizou hoxe a prórroga doutros seis contratos de aluguer doutros tantos locais na rúa Presidente Salvador Allende, destinados a oficinas municipais de recadación, servizos básicos, atención ao contribuínte, atención ao cidadá e rexistro xeral. Neste caso, as prórrogas tramítanse por un ano, ata o 31 de decembro de 2017, e o custo total para o Concello será de case 52.000 euros.

Transporte colectivo urbano
A Xunta de Goberno de hoxe tamén aprobou o orzamento provisional correspondente ao ano 2017 para o servizo do transporte colectivo urbano. Ese presuposto ascende a 4,8 millóns de euros, dos que 4,6 corresponden ao transporte urbano, 181.000 euros ao transporte metropolitano, e 10.000 euros ás tarxetas de pensionistas.

Estes 4,8 millóns de euros son os que o Concello ten que pagar polo servizo, que ten un custo total de máis de sete millóns de euros. Na achega municipal inclúese a subvención do Estado, que é de 400.000 euros.