“Espazo novo: expresarte” é o título dun programa dirixido a mocidade a partir dos 13 anos co que a área municipal de Benestar e Igualdade lles propón dous obradoiros creativos relacionados coa creación literaria en liña, a banda deseñada e a pintura. O obxectivo da iniciativa, que se desenvolverá do luns 26 ao venres 30 de decembro, é favorecer a participación social da xente nova e a súa expresión plástica desde un punto de vista crítico e reflexivo. As inscricións poden facerse desde hai varios días no Centro Municipal de Servizos Sociais, nos teléfonos 981 342 607 e 981 492 706 ou no correo servizos.sociais@fene.gal. Das 30 prazas ofrecidas aínda quedan 6 libres.
Os obradoiros son unha continuación dos desenvolvidos no verán no seo do programa “Peques a Maiores: compartindo espazos” financiado pola Deputación da Coruña. Desta vez, “Espazo novo: expresarte”, ofrece as actividades “Arte en cómic e pintura” por unha banda e “Xeración vlogger: creación literaria en liña” pola outra.
En cada un dos bloques temáticos hai 15 prazas dispoñibles e os obradoiros desenvolveranse en horario de mañá, de 10 a 12.00h., tanto no interior do Centro de Promoción Social de San Valentín como ao aire libre, segundo o tipo de proposta.
Ademais de facilitarlle á mocidade ferramentas de expresión e participación social, “Espazo novo: expresarte” tamén pretende fomentar a imaxinación, o debate sobre temas interesantes para a xuventude e impulsar o traballo en equipo no desenvolvemento de proxectos comúns.
O prazo de inscrición neste programa xuvenil do Nadal abriu hai uns días e xa se recolleron 24 peticións -atendidas todas elas por orde de chegada-, polo que faltan aínda 6 vacantes por cubrir. “Espazo novo: expresarte” estará impartido por persoal de titoría de La Guagua, baixo a coordinación da pedagoga municipal Mª José Paz.
Para ampliar información ou solicitar a inscrición hai que dirixirse ao Centro Municipal de Servizos Sociais -situado tamén en San Valentín- ou chamar aos teléfonos 981 342 607 – 981 492 706. Outra opción é enviar un correo a servizos.sociais@fene.gal.