O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, inauguraron esta mañá a senda peonil do Sar ao seu paso polo Parque Eugenio Granell e Novo Milenio en dirección as Pontes de Conxo.
O alcalde de Santiago felicitou “aos 15 alumnos e alumnas que participaron no obradoiro” e destacou “o resultado final destes meses, que teñen como resultado unha formación específica para o alumnado participante, ao mesmo tempo que se recupera unha zona de grande interese medioambiental”.
A senda peonil que abre hoxe para goce da veciñanza é resultado dos traballos que están levando a cabo os traballadores e traballadoras do Obradoiro de Emprego Ecotur Xuvenil II, dando así continuidade á primeira edición do Obradoiro cos traballos realizados nas Brañas do Sar.
O tramo de senda inaugurado ten unha extensión de 700 metros. Entre os traballos realizados destacan a realización de 4.900 metros cadrados de pradeira, a colocación de 20 metros de pasarela sobre o río, a instalación dunha pontella de 15 metros para o cruce do Sar e a execución de 31.500 metros cadrados de rozas.
Coa apertura deste tramo son xa 6,4 quilómetros de senda, dende o Multiúsos do Sar ao Parque Eugenio Granell. Neste Obradoiro Ecotur Xuvenil II participan 15 alumnos/as traballadores/as, oito deles na especialidade formativa de Instalación e Mantemento de Xardíns e Zonas verdes, e sete alumnos/as na especialidade de Colocación de Pedra Natural. Todos eles son desempregados/as menores de 30 anos de idade.
Este é un programa xestionado pola Área de Emprego do Concello de Santiago que ten como obxectivo mellorar a ocupación das persoas desempregadas, menores de 30 anos e inscritas no Servizo de Garantía Xuvenil. Ao mesmo tempo, coa actuación de acondicionamento destas zonas verdes, no só se incide na empregabilidade, senon tamén na rehabilitación ambiental, nunha zona de grande interese medioambiental e de atracción turística para a cidade de Santiago.
O roteiro pola senda do río Sar rematou coa entrega de diplomas aos 15 alumnos e alumnas que participaron en ambas especialdiades formativas do Obradoiro Ecotur II e coa proxección dun vídeo resumo da súa actividade ao longo destes meses.
Exposición de escultura figurativa
O alcalde e a concelleira tamén aproveitaron a inauguración da senda peonil para admirar as 17 esculturas figurativas de gran tamaño realizadas pola Escola de Canteiros de Pontevedra. A Escola empezou a súa andadura no 1979 nas instalacións do mosteiro de Poio. A súa finalidade é conservar e promover o oficio de canteiro ensinando a arte de traballar a pedra. Dende 1982 depende da Deputación de Pontevedra.
A escultura figurativa consiste na representación de figuras, entendidas cómo obxectos identificables. Nesta mostra preséntase un total 17 esculturas, onde os e as mestras canteiras plasmaron emocións que fan destas esculturas retratos en pedra nos que podemos ver dende o amor dunha nai até a tristura dun adeus, ademais de oficios e imaxes representativas da emigración.
O emprazamento da exposición é o parque Novo Milenio, na Pontepedriña, onde os e as visitantes despois de contemplar a pedra poden gozar da auga e continuar a súa andadura pola senda peonil do río Sar.