Friday 22 de November de 2024

O luns finaliza o prazo para inscribir nenos e nenas nas carrozas da cabalgata de Reis


As solicitudes hai que presentalas no rexistro municipal e se houbese máis peticións que prazas faríase un sorteo público o mércores 28 no salón de plenos

Este luns 26 de decembro remata o prazo para inscribir nenos e nenas na Cabalgata 2017 que percorrerá as rúas do centro urbano de Fene na tardiña do 5 de xaneiro. Nela poderá participar rapazada de entre 6 e 12 anos caracterizada como paxes reais, pastores e pastoras ou apalpadores. As solicitudes hai que presentalas no rexistro municipal usando a folla normalizada que hai ao pé desta información. Cómpre ter en conta que por razóns organizativas e de seguridade só se ofrecen 40 prazas. Se houbese máis peticións celebraríase un sorteo público o mércores 28 de decembro ás 11.00h. no salón de plenos do Concello.

A Cabalgata 2017 sairá ás 18.00h. de Perlío para percorrer as avenidas Marqués de Figueroa, Naturais de Fene e Alcalde Ramón Souto González e chegar, finalmente, á praza do Concello. Alí os Magos do Oriente recibirán aos nenos e nenas para tomar nota das súas peticións e despois celebrarase unha festa infantil animada por Divershow.

A comitiva real contará este ano con cinco carrozas desde as que as máxicas maxestades saudarán mentres choven 500 quilos de caramelos sen glute e aptos para persoas diabéticas. Un labor este para o que os Reis precisan de axuda alí por onde pasan. Por iso a Concellaría de Cultura convida aos nenos e nenas que lles queiran botar unha man para que se apunten no Concello como paxes, apalpadores ou pastores e pastoras.

Os papás e mamás -ou persoas titoras- deberán cubrir a correspondente folla de solicitude e presentala no rexistro municipal o luns como moi tarde. A normativa establece que poderán participar un máximo de 40 nenos e nenas de 6 a 12 anos cumpridos. Xunto coa folla de solicitude -dispoñible na web municipal- é necesario achegar tamén unha fotocopia do DNI da crianza ou da súa inscrición no libro de familia onde conste a data de nacemento.

En caso de que haxa máis solicitudes que prazas, a selección desas 40 nenas e nenos que participarán como paxes será por sorteo público, que terá lugar no salón de sesións da Casa do Concello o mércores 28 de decembro ás 11.00h.

Chegado o día 5 de xaneiro, a rapazada deberá vir caracterizada da casa como o personaxe que cadaquén elixa -paxes, apalpadores/as, pastoras ou pastores- e a organización comunicará con tempo de adianto suficiente o horario, o lugar de encontro e en cal das cinco carrozas lles tocará facer o percorrido.

Para garantir que todo se desenvolva con normalidade haberá unha persoa de monitorado -2 por carroza- por cada catro participantes infantís.