Volei, fútbol sala, baile moderno, hip-hop, ximnasia rítmica, bicicleta, judo, baloncesto, xogos tradicionais e predeportivos, béibol… esas son as propostas coas que o Concello lle encherá á rapazada as mañás da derradeira semana deste 2016. O Nadal deportivo -un clásico na programación municipal destas datas- son unha serie de obradoiros de lecer e actividade física aberta a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. Desenvolverase no pavillón municipal e máis no ximnasio do CPI do 26 ao 30 de decembro e o prazo de inscrición finaliza hoxe. Só hai que chamar ao 981 490 027 (ext.3), pasar pola Casa da Cultura ou enviarlle un correo ao técnico, agustin.perez@sansadurnino.gal.
O Nadal deportivo está deseñado para que a cativería poida practicar distintas disciplinas adaptadas a esa banda de idades. Máis que un curso intensivo, o que se pretende é que os nenos e nenas entren en contacto coas técnicas básicas de varias actividades físicas co obxectivo de que aprendan e compartan un tempo de lecer durante cinco días das súas vacacións.
Esta proposta é gratuíta e os deportes e actividades elixidas son o volei, o fútbol sala, o baile moderno, o hip-hop, a ximnasia rítmica, a bicicleta, o judo, o baloncesto, os xogos tradicionais e predeportivos e mailo béisbol. Iso si, todas elas repártense ao longo dos días e é necesario que os rapaces e rapazas se inscriban alomenos en catro delas. Que tomen nota:
O luns 26 terán de 10 a 12.00h. Baile moderno e hip-hop e de 12 a 14.00h. bicicleta
O martes 27 tocaralle de 10 a 12.00h. ao fútbol sala e de 12 a 14.00h. á ximnasia rítmica
O mércores 28 de 10 a 12.00h. será a quenda dos xogos tradicionais e de 12 a 14.00h. a do volei
O xoves 29 entre as 10 e as 12.00h. desenvolveranse xogos predeportivos e de 12 a 14.00h. tocaralle ao baloncesto.
Por último, o venres 30 de 10 a 12.00h. a rapazada poderá practicar judo e de 12 a 14.00h. tamén se poderá iniciar no béisbol.
As inscricións poden facerse ata o 22 de decembro pasando pola Casa da Cultura, mandando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamando ao 981 490 027 (ext.3). Cómpre lembrar que a única actividade para a que deberán levar material da casa é a de bicicleta, incluído o casco.
Na organización destes obradoiros colaboran o Club FS San Sadurniño, o Aldebarán, o Club Brío e o Biela e Chaveta.