O oscarizado alcalde de Serramoura porá o broche a un acto aberto a todos os públicos
Mañá xoves 22 de decembro ás 20 h no Polideportivo dos Campóns, na parroquia cambresa de Sigrás terá lugar a gala anual das actividades físicas e de saúde da Concellería de Deporte. A entrada é totalmente libre e gratuita, aberta a todo o pobo de Cambre.
Os participantes no programa achéganse ao cento e medio de persoas e entre as actividades máis demandadas figuran o Judo, o Tai-chi e a Ximnasia de mantemento. Xustamente destas tres modalidades deportivas realizaranse demostracións públicas no transcurso do evento. O concelleiro de Deporte Brais Cubeiro destaca “o amplo abano de idades ás que chegan estas actividades, desde os 4 anos até xente que anda nos 80”. Ao tempo que destaca que “a oferta e variedade de cursos están en permanente revisión para conseguir chegar a canta máis xente mellor”.
Haberá tamén un oco para “recoñecer cun pequeño detalle o traballo dos voluntarios do Concello que participan altruistamente en diversas actividades municipais con carácter social, cultural e deportivo” informou Cubeiro. Sortearanse tamén unhas cestas de Nadal entre os participantes nas actividades municipais e ao tempo que se sirven uns petiscos, achegarase aos Campóns unha visita un tanto inesperada:
Trátase do coñecido actor César Cambeiro, que entre outros moitos papeis en diversas series da TVG deu vida a Rogelio Fidalgo, alcalde da televisiva vila de Serramoura, onde destacou pola súa inimizade co famoso Evaristo Fiuza, pugna polo bastón de mando municipal incluida.
Pero aliás das súas aparicións televisivas, César Cambeiro é un actor cunha sólida e prestixiosa carreira interpretativa ás súas costas, destacando non só a súa traxectoria teatral se non tamén as súas aparicións na pantalla grande. Logo de participar en cintas referenciais como “Os luns ao sol”, César Cambeiro conta no seu haber coa interpretación dun papel no filme “Mar Adentro” gañador do premio Oscar á mellor película en fala non inglesa no ano 2004. Eso si, na súa visita a Cambre, Cambeiro fará gala da vertente máis cómica da súa dramaturxia, poñéndolle unha nota de humor ao peche das actividades municipais físicas e de saúde.