Friday 22 de November de 2024

A secretaria xeral para o Deporte aposta por un deporte “para todos, plural, sen xénero e que atenda á diversidade” na presentación do calendario ‘Galegos e campións’ de Coca-Cola


Marta Míguez adquiriu o compromiso de acadar un efecto multiplicador da actividade física en Galicia, “queremos que cada vez máis persoas enchan os pavillóns para facer exercicio”, asegura

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, participou na presentación do calendario ‘Galegos e campións’ de Coca-Cola que tivo lugar na sede coruñesa de Begano. Alí, a responsable do Deporte a nivel autonómico asegurou que “este calendario achega ás nosas casas e oficinas as fazañas realizadas polos nosos deportistas en estadios, pistas e canchas” ademais de achegar “unha mensaxe de igualdade e de ánimo porque o deporte é para todos, é plural, non ten xénero, atende á diversidade e todos temos que crer que as nosas metas son posibles”.

Nas súas verbas, Marta Míguez adquiriu o compromiso de acadar un efecto multiplicador da actividade física en Galicia, “queremos que cada vez máis persoas enchan os pavillóns para facer exercicio”, asegurou. Nesta liña lembrou que o novo proxecto da Secretaria Xeral para o Deporte parte dun “traballo ben feito que se reflicte no incremento de licencias deportivas, equipos profesionais e éxitos galegos”.

A secretaria xeral gabou o deporte como un ámbito “que consigue unir ás persoas por riba da diversidade”. Asemade, Marta Míguez agradeceu que grandes empresas como Coca-Cola “aposten polo noso deporte” xa que é “un magnífico xeito de visibilizar o traballo constante e ben feito dos galegos”.

Calendario 2017
Respecto ao contido dos calendarios Coca-Cola, a titular de Deporte salientou que desde “2012 recollen no seu interior 312 medallas en Olimpíadas, Mundiais, Europeos e outras competicións internacionais, acadadas por 90 atletas”. Ao fío desta idea, salientou a importancia da diversidade no deporte xa que dos 90 ateltas, 44 son mulleres e case un 20% (17) son deportistas que presentan algunha discapacidade.

No calendario deste ano figuran 12 deportistas galegos que son Cristian Toro (piragüismo), Agustín Alejos (baloncesto en cadeira de rodas), Martín de la Puente (tenis en cadeira de rodas), Melania Rodríguez (ximnasia), Raquel Carrera (baloncesto), Irene Blanco (halterofilia), María Bernabéu (judo), Aida Vieites (patinaxe artística), Solange Andreia Pereira (atletismo), Nadia Iglesias (patinaxe artística), Alba Trigo (vela) e Judit Varela (loita).