O curso de ‘Transparencia, goberno aberto e Administración pública’ será o 13 e 14 de novembro e o de ‘Ética pública e medios para previr a corrupción’ o 27 e 28
A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, avanzou no Parlamento galego que o centro acollerá este mes dous cursos monográficos sobre Transparencia, goberno aberto e Administración pública e Ética pública e medios para previr a corrupción.
No primeiro dos cursos debátese sobre quen debe controlar a transparencia, o acceso aos documentos administrativos, a simplificación das institucións políticas e administrativas e o presente e futuro da transparencia, entre outros temas.
O outro curso é sobre Ética pública e medios para previr a corrupción e conta con poñentes de perfil diverso e sobrado coñecemento na materia, como xuíces, fiscais, profesores universitarios, filósofos e profesionais dos medios de comunicación.
A Egap como foro de debate
Ademais deste adianto, Rodríguez-Campos tamén fixo balance do resto de cursos monográficos e xornadas que a Escola impartiu nos últimos anos, en total 15 iniciativas ás que asistiron máis de 1.400 persoas e que teñen convertido á EGAP “nun foro de debate das principais novidades que afectan á Administración, tratando en profundidade as políticas públicas máis relevantes e sempre a través dunha docencia de calidade”.
Neste sentido, fixéronse diversas xornadas sobre temas de grande transcendencia e actualidade, como a disciplina urbanística, a crise e reestruturación financeira, os modelos institucionais rexionais e a incidencia da nova lexislación de costas e ordenación do litoral. Tamén cursos monográficos sobre retos e perspectivas do emprego público nun contexto de crise, o futuro do Estado autonómico e a publicidade institucional.
Xa neste ano 2014, a EGAP puxo en marcha o I Seminario Internacional sobre transparencia administrativa e protección dos intereses financeiros da U.E. na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, con especial atención ao control da xestión dos fondos da Unión Europea e as medidas de transparencia nos contratos públicos; e un curso monográfico titulado A reforma local a debate, no que se analizaron os efectos e incidencias da recente Lei de racionalización e sustentabilidade da Administración Local.
Ademais, celebráronse tamén as Xornadas sobre as novas directivas de contratación pública e a súa transposición -con máis de 300 matriculados-; a Xornada ‘A xustiza que vén’, na que se ofreceu unha visión completa do que necesita o eido xudicial e das melloras que sería preciso implementar; e a recente Xornada sobre Intimidade, imaxe e medios de comunicación públicos, onde distintos profesionais debateron sobre a convivencia do dereito á información e o respecto á intimidade e a honra das persoas sobre as que se informa.
Segundo destacou a directora, a través destas iniciativas a Escola está a xerar debates para que a sociedade poida coñecer polo miúdo as distintas problemáticas que se suscitan ao redor do eido público, a fin de fomentar o intercambio de ideas e experiencias que permitan mellorar tanto a xestión como a propia organización administrativa, e cumprindo así coa vocación de servizo á cidadanía.