Cine, monicreques, maxia, festas, animacións, cars, teatro e moito máis está incluído no amplo programa deseñado polo Concello para este ano. Tamén se instalará un carrusel, ademais da pista de xeo
O Concello de Ordes xa ten todo listo para vivir un Nadal de soño. Para isto conta cunha ampla e variada programación na que teñen cabida veciños, veciñas e visitantes de todas as idades aínda que, como non, os nenos e nenas son os principais a ter en conta.
• 23 de decembro. Cine. ‘La dama y el vagabundo’, Casa da Cultura, 17.30 horas.
• 26 de decembro e 4 de xaneiro. Sesións de seguridade viaria polo Nadal no kárting de Ordes, para a rapazada entre 6 e 12 anos. En total serán 100 entradas a repartir en ambos os días durante as sesións de mañá e tarde (de 11.30 a 14 horas e de 16 a 18 horas), que xa se poden solicitar no Departamento de Cultura e Deporte municipal.
• 27 de decembro. Contos de Nadal. Casa da Cultura, 17.30 horas.
• 28 de decembro. Maxia. ‘Animaxia’. Casa da Cultura, 17.30 horas.
• 29 de decembro. Monicreques. ‘Un Nadal cheo de contos’. Casa da Cultura, 17.30 horas.
• 30 de decembro. Cine. ‘La abeja Maya’. Casa da Cultura, 17.30 horas.
• 2 de xaneiro. Teatro. ‘Plumas e Peluxe’. Casa da Cultura, 17.30 horas.
• 3 de xaneiro. Festa de Reis. Inchables, xogos, obradoiros e moita diversión. Pavillón Castelao 1 de 17 a 19 horas.
• 5 de xaneiro. Cabalgata de Reis. Ás 17 horas percorrido polas rúas principais ata a Alameda de Ordes. Reparto de caramelos (aptos para persoas celíacas).
• 7 de xaneiro. Festival de Reis. Escola de música. Casa da Cultura, 12.30 horas. Banda de Música. Casa da Cultura, 19.30 horas.
Outra das novidades deste ano será a instalación dun carrusel na mesma Alameda de Ordes. Estará dispoñible dende o 22 de decembro ao 4 de xaneiro e o horario irá de luns a venres dende as 17 ata as 21 horas. Os sábados 24 e 31 de decembro e 4 de xaneiro de 16 a 20 horas. O prezo por viaxe será de 1,50 €.
Cabe lembrar a posibilidade de patinar sobre xeo na pista instalada no Campo da Feira, que está a presentar unha grande acollida por parte de toda a veciñanza. Tanto o 24 como o 31 de decembro terá un horario especial que irá dende as 11 ás 19 horas, mentres que o 25 de decembro abrirá de 12 a 14 horas e de 17 a 22 horas. O 1 de xaneiro o horario será de tarde (de 17 a 22 horas), o 5 de xaneiro de mañá (de 11 a 14 horas) e o 6 de xaneiro (de 17 a 22 horas).
Para levar a cabo esta actividade o Concello de Ordes conta coa colaboración da Deputación da Coruña e do Karting Indoor Ordes.