A xornada de portas abertas contou cunha grande afluencia de público que mantivo un contacto directo cos exemplares que residen no centro. Tamén se levou a cabo unha campaña informativa sobre a adopción e a acollida, ademais de concienciar sobre a responsabilidade de regalar animais
As persoas amantes dos cans tiveron unha cita ineludible na II Festa dos cans, organizada pola asociación Amigos da canceira de Ordes Segunda Oportunidade en colaboración co Concello de Ordes. Unha xornada vivida onte, e que novamente hai que valorala moi positivamente tendo en conta as catro adopcións realizadas entre os 18 cans residentes do centro.
Entre os obxectivos máis inmediatos desta segunda festa destacaron os de dar a coñecer as instalacións municipais e o traballo que alí se realiza tanto por parte do persoal como do grupo de voluntarios. Tamén se desenvolveu unha campaña de concienciación sobre a importancia e a responsabilidade que supón regalar animais agora que se achegan as festas do Nadal, ademais de insistir na posibilidade de acoller temporalmente en casas particulares á espera de familias adoptantes. As persoas visitantes tamén tiveron ocasión de adquirir agasallos e traballos manuais de temática canina, cos que os integrantes da asociación conseguen fondos para os seus proxectos. Botando unha man neste día estivo a concelleira de Medio Ambiente de Ordes, Ana Soneira.