O Concello de Fene ten preparados unha chea de eventos para todas as idades dentro da programación do Nadal que a partir de hoxe colle un ritmo case diario. Este luns 19 pola tarde teremos o festival das escolas municipais de música. O martes, mércores e xoves teremos citas infantís e familiares na Casa da Cultura e na véspera da Noiteboa o pavillón do Ramo acollerá a III Exhibición de ximnasia artística de Nadal. Pero aínda hai máis: o arranque o mércores da exposición fotográfica “Ferrol 2.0”, o concerto o xoves do Tradicoro Airiños de Fene na igrexa de Limodre e o inicio o venres das actividades lúdicas que se desenvolverán ata xaneiro no pavillón da Xunqueira.
Pero, vaiamos por partes e por orde falando polo que hai este luns. No salón de actos da Casa da Cultura comezará ás 17.00h. o festival de Nadal das escolas municipais de música. O alumnado de solfexo, piano e guitarra ofrecerá un pequeno concerto aberto ao público para mostrar os seus avances e, de paso, interpretar algunhas pezas propias destas datas.
A Casa da Cultura -e sobre todo a biblioteca- será o escenario doutras tres propostas dirixidas principalmente a nenos e nenas ou para gozar en familia. Así, este martes 20 de decembro a partir das 18.00h. o auditorio encherase de maxia coa ilusionista Fani Triana, que trae ata Fene o espectáculo “Fantasía”. Nel repásanse números clásicos con panos, líquidos, cabinas e outros recursos salpimentados con moito humor e coa participación do público.
Participativa é tamén a proposta do mércores. Na biblioteca Xosemaría Pérez Parallé represéntase ás 18.00h. “Iriña bailarina” con montaxe da compañía Teatro dos Ghazafelhos. Montse Piñón, Jorge Casas e Pepablo Patinho interpretan os personaxes creados por Paloma Rodríguez e Cristina Justo cos que a rapazada aprenderá conceptos como o da igualdade de xénero, os estereotipos sociais e o cambio de roles. A obra está pensada para nenos e nenas de máis de 3 anos e incluso é máis recomendable para idades a partir dos 5.
Para as criaturas máis pequenas, as de 0 a 3 anos, o Concello programou unha sesión de contacontos o xoves 22 ás 12.00h. tamén na biblioteca municipal. A actriz e contadora Raquel Queizás daralles vida a varios animais que, igual que as crianzas, están descubrindo o mundo ao seu redor. O título da peza -duns 45 minutos de duración- é “Nanocontos” e con ela preténdese estimular as habilidades de percepción espacial e de psicomotricidade dos e das bebés a través de pequenas historias que lles sexan doadas de comprender.
Tamén o xoves ás 20.30h. o Tradicoro Airiños de Fene ofrecerá un concerto de Nadal organizado pola A.VV. de Limodre. O escenario será a igrexa parroquial e a agrupación de voces e instrumentos interpretará pezas tradicionais galegas pero tamén doutros países, na súa liña de traballar sobre a música de raíz.
O Tradicoro fundouse en 2014 dentro de Airiños de Fene coa idea de crear un coro distinto. Forman parte del 14 mulleres e 8 homes, acompañados en varios temas de acordeón, gaita e percusión.
Outros eventos
Cómpre lembrar, ademais, que desde este mércores 21 de decembro e ata o 14 de xaneiro estará aberta na Casa da Cultura a exposición fotográfica “Objetivo Ferrol 2.0”. Trátase dunha mostra colectiva con obras dunha vintena de fotógrafos e fotógrafas da sección fotográfica do Grupo Bazán. Con ela achégase a súa particular mirada sobre Ferrol pero tamén sobre lugares do resto da comarca.
No deportivo destaca a III Exhibición de ximnasia artística do Nadal do venres 23 no pavillón do Ramo -17.00h.- coa participación das agrupacións fenesas e de clubes e escolas dos concellos da volta. A entrada é gratuíta o evento daralle paso a unha pequena paréntese na programación durante a fin de semana da Noiteboa e o Nadal que se retomará a semana que vén.
Ese mesmo día, o venres 23, comezarán tanto do Campamento lúdico para peques como da actividade de patinaxe para rapazada e persoas adultas, ambas no pavillón da Xunqueira ata o 4 de xaneiro. O prazo de inscrición nestes obradoiros e no de defensa persoal que se desenvolverá no ximnasio da Casa da Cultura a partir da semana que vén finaliza hoxe. Para apuntarse cómpre pasar polas oficinas do pavillón da Xunqueira.
Por último tamén hai que lembrar que o xoves 22 de decembro comezarán na piscina de Centieiras os Xogos acuáticos en familia para os que non é necesario inscrición previa aínda que si se recomenda chamar para reservar praza.