David Quiñones e José Luís Rodríguez Álvarez recibiron os galardóns polos seus traballos de investigación sobre o traxe galego
O Salón Nobre do Pazo de Raxoi acolleu a entrega dos premios Antón Fraguas de investigación sobre o traxe tradicional galego, na súa XXII edición. O acto estivo presidido polo alcalde, Martiño Noriega.
Os galardóns convócanse en dúas modalidades. Na de traballos descritivos, a distinción foi para David Quiñones Vázquez, por un traballo titulado “Remexendo nas arcas de Leiro: historia e reprodución dun traxe tradicional”. Este premio está dotado con 600 euros. Na modalidade de traballos analíticos, distinguiuse o traballo de José Luís Rodríguez Álvarez, baixo o título “Carlos Sobrino, os traxes na boa vila”. Neste caso, a dotación do galardón é de 1.200 euros.
Uns premios con 22 anos de historia
Os premios Antón Fraguas son convocados pola Asociación do Traxe Galego desde o ano 1995. Nesta edición, o xurado estivo composto por Ana Blanco Gómez, membro da Fundación Rosalía de Castro; Xesús Ferro Ruibal, do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades; e Xosé Manuel González Reboredo, do Padroado do Museo do Pobo Galego.
O premio convócase sempre en dúas modalidades, unha para traballos descritivos e outra para traballos analíticos. Na primeira preséntanse traballos nos que, recuperando traxes, se especifiquen a materia da que están feitas as pezas, lugar de procedencia e época, e se presenten patróns e medidas das pezas analizadas. Nos traballos analíticos é preciso presentar información sobre quen fixo o traxe e con que mecanismos ou a área na que distribuía a súa produción. Nesta categoría valórase tamén a análise da influencia de aspectos relixiosos, económicos, políticos ou sociolóxicos sobre cada traxe.
A convocatoria dos premios Antón Fraguas conta co apoio do Centro Comercial Compostela, que financia parte dos premios metálicos.