A día de hoxe xa se tramitaron 170 solicitudes, que afectan a máis de trescentos inmobles
O Concello de Frades vén de ampliar ata o martes 27 de decembro o prazo de solicitude da bonificación do 95% da cota íntegra do Imposto de Ben Inmobles (IBI) onde se desenvolvan exclusivamente actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario. Se ben o prazo inicial estaba fixado no 30 de novembro, a gran afluencia de veciños e veciñas fixo que o Concello de Frades decidira ampliar o prazo ata o 27 de decembro.
A día de hoxe, o Concello de Frades xa ten tramitadas máis de 170 solicitudes, que afectan a máis de trescentos inmobles, a través do servizo técnico posto a disposición dos veciños e veciñas de Frades para axudarlles na presentación das solicitudes e da documentación correspondente. Un servizo que está dispoñible todos os martes e xoves, en horario de 10:00 a 14:00 horas, na casa consistorial de Frades (981 69 55 67).
Dúas de cada tres familias
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explica que “desde o Concello estamos facendo todo o posible, dentro das nosas competencias, para que os nosos agricultores, gandeiros e gandeiras poidan obter a máxima bonificación posible no IBI das súas explotacións, ademais de reducir o tipo de gravame para os inmobles de natureza urbana, que pasou do 0,6% AO 0,45%”. Neste sentido, o Concello de Frades distribuíu entre a veciñanza unha “Guía para solicitar a bonificación do 95% do IBI para as granxas” no que explica o procedemento a levar a cabo para conseguir esta bonificación.
“Calculamos que dúas de cada tres familias de Frades poden solicitar acollerse a esta bonificación do 95% do IBI promovida polo Concello de Frades”, indica Rey Martínez, quen lembra que “a lei non nos permite ao Concello outorgar directamente a bonificación, senón que ten que ser cada propietario o que a solicite para que despois sexa aprobada polo Pleno Municipal de Frades”. De feito, a fixación do día 27 de decembro como data límite xustifícase na necesidade de estudar todas as peticións presentadas e despois celebrar unha sesión plenaria extraordinaria na que serían aprobados.
Ademais, Roberto Rey salienta que “pode pedir a bonificación calquera veciño ou veciña que teña construcións onde se desenvolvan actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario ou que estea dado de alta no Imposto de Actividades Económicas Agrario. A bonificación non é só para os grandes establos, senón que tamén está aberta a actividades agrarias e cría de porcos, ovellas, cabalos, galiñas, abellas…”.
Documentación precisa
O servizos de asesoramento do Concello de Frades axudará aos veciños e veciñas coa documentación a presentar: solicitude da bonificación, certificado de Facenda no que conste a situación censal do solicitante (ou autorización asinada polo interesado/a para obter os datos dende o Concello) e acreditación da titularidade catastral do inmoble (a través da acreditación da referencia catastral do inmoble onde se exerce a actividade e do título habilitante para a realización da actividade gandeira ou agraria nese inmoble).
Así mesmo, haberá que presentar certificado de non ter débedas coa Facenda Estatal, Autonómica ou Local nin coa Seguridade Social e xustificante do recoñecemento de explotación ou licenza de actividade correspondente, presentando o Libro de Explotacións Agrarias ou Gandeiras actualizado ao 2016 xunto coa folla de saneamento no caso das explotacións gandeiras de vacún, ovino e caprino.