Unha quincena de maiores de Oroso participaron na derradeira sesión dos “Martes saudables” deste ano, que este mes estiveron dedicados á musicoterapia. Unha sesión impartida por Damián Cairo Touriño, profesor de música do Conservatorio Profesional da Coruña, quen ensinou aos maiores que a música ten moitos beneficios nas áreas cognitivas, emocional, física e social.
Así, Damián Cairo ensinoulles a identificar os estilos de música, comprobar como os distintos tipos de música promoven diferentes estados de ánimo e decatarse de que cantar cancións, tocar instrumentos musicais ou bailar tamén serve para traballar os nosos recordos. Tras unha breve introdución teórica, os asistentes aprenderon tamén o valor da música para mellorar a súa coordinación física. Unhas ensinanzas que os maiores de Oroso puxeron en práctica para rematar a xornada, cantando e bailando en grupo.