O día 22 tamén haberá unha cea de confraternidade en Boiro
Unha representación da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (SGPG) recalou esta mañá no consistorio riveirense para presentar unha dobre actividade que vai ter lugar na comarca de Barbanza o vindeiro sábado 22 de novembro: por unha parte, a proxección do documental “Daia Sahara” no Auditorio Municipal de Riveira e a continuación unha comida de confraternidade que se celebrará no restaurante Chicolino de Boiro.
A presidenta da asociación, Maite Isla; a representante comarcal Amparo Cerecedo, e o delegado saharaui en Galicia, Habi Bulah, compareceron nun acto no que no nome do Concello participaron o alcalde Manuel Ruiz e a concelleira de Servizos Sociais, Maricarmen Vizcaya.
O documental será proxectado ás 19 horas e ten por obxecto afondar no labor das familias de acollida que se involucran no proxecto Vacacións en Paz e do vínculo que se establece co pobo saharaui unha vez acabado o período de estancia.
Localizacións riveirenses
Codirixido por Jorge Guardado e Pilar Casado, o filme foi rodado en tres comunidades autónomas (Andalucía, Cataluña e Galicia) e conta coa particularidade de que un dos nenos participantes estivo en Riveira, Lasoussi Mohamed Lamin, acollido pola familia formada por Francisco González Chouza e Manuela García García, ambos presentes na presentación de hoxe. De feito, na gravación poderanse contemplar diversas localizacións do concello, como por exemplo a lonxa do porto de Santa Uxía e outros lugares de gran atractivo.
Posteriormente, a cea de confraternidade no Chicolino está prevista para as 22 horas.
Maite Isla salientou que é un orgullo para a súa asociación poder prestar imaxes do seu traballo en Galicia e manifestou que o documental que se vai proxectar reflicte os obxectivos que buscan transmitir con Vacacións en Paz: dende alonxar aos nenos das altas temperaturas que hai en xullo e agosto nos campamentos de refuxiados (incluso máis de 50 grados á sombra), ata facilitar que sexan obxecto de revisións sanitarias durante a súa estancia na península ibérica, sen esquecer o compoñente político. A este último respecto, Habi Bulah apelou que se fagan as xestións necesarias para que o Estado español busque unha solución definitiva ao conflito saharaui.
Oito nenos en acollida
Pola súa parte, Manuel Ruiz expresou o compromiso do Concello de incrementar a axuda para elevar o número de nenos en acollida no 2015. Neste senso, perséguese un mínimo de oito (este ano houbo tres) e para isto é tamén fundamental contar coa implicación de familias interesadas en dar acollida.