Friday 22 de November de 2024

O Museo do Humor de Fene incorpórase á rede de Turismo Escolar da Deputación da Coruña


A área de Turismo da Deputación da Coruña iniciou o pasado mes de outubro un programa dirixido a centros de ensino co obxectivo de que a rapazada de entre 4 e 16 anos poida descubrir a riqueza patrimonial e cultural da provincia. Nestes momentos hai deseñadas catro rutas relacionadas cos recusos dos que é titular o ente provincial, como por exemplo o castelo de Vimianzo ou o mosteiro de Caaveiro, pero canda elas tamén se recollen outras 67 propostas de lecer educativo en colaboración cos concellos. A través da web do programa poden consultarse todas elas e mesmo reservar visitas guiadas. Un dos últimos recursos en sumarse ao catálogo foi o Museo do Humor de Fene.

O programa de Turismo escolar da Deputación xunta por unha banda o catálogo de recursos e rutas dispoñibles e, pola outra, centraliza nun único lugar a posibilidade de programar as visitas que queiran facer os centros escolares da provincia.

Deste xeito, os colexios poden chamar ao 981 08 07 53 ou enviar un correo a turismo.escolar@dacoruna.gal para ver a dispoñibilidade de datas ou saber o número máximo de rapaces e rapazas por grupo.

Tanto a Deputación como os concellos colaboradores porán á disposición do colexio unha persoa como guía que explicará os puntos máis destacables e interesantes do lugar. Trátase de que a rapazada disfrute aprendendo sobre o patrimonio e a realidade sociocultural en visitas que duran entre hora e media e dúas horas, dependendo dos casos.

No caso de Fene é o Museo do Humor o primeiro recurso que entra formar parte do catálogo de propostas de lecer educativo. Na ficha que figura na web da Deputación indícase que o horario de atención a grupos escolares é de 10 a 14.00h. de luns a venres e que a explicación guiada e gratuíta de todo o que alberga dura arredor de hora e media.

A web tamén especifica que en cada quenda de visitas se ofrecen 30 prazas e que incluso existe a posibilidade de combinar o paso polo museo con actividades no Parque de Educación Viaria de Barallobre, aínda que neste caso a solicitude deberá tramitarse a través do departamento de Cultura e Ensino ou da sede electrónica municipal.