A ilusionista Fani Triana presentará mañá sábado 17 de decembro, ás 19:30 horas, o seu espectáculo “Fantasía dos sentidos”, unha actuación chea de ilusións con distintos elementos (cordas, cadeiras e xornais), mentalismo, humor e moita participación dos espectadores. Unha actuación de entrada libre e de balde que terá lugar no auditorio da Casa da Cultura de Lousame.
“Fantasía dos sentidos” conta cun guión cargado de situacións inesperadas, dirixido a que o público presente experimente sensacións fascinantes durante a actuación. Este espectáculo pechará o trío de actuacións previstas dentro do I Festimaxia Lousame, que organiza o Concello de Lousame. Para o próximo venres 23 de decembro, ás 19:00 horas, queda o obradoiro “Divermaxia”, protagonizado polo Mago Richard.