Friday 22 de November de 2024

Feijóo destaca a contribución da Escola Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Coruña á modernización de Galicia desde o talento, a innovación e o coñecemento


Expresa o seu convencemento de que Galicia vai ser un país mellor con estas novas promocións; “estes 192 titulados cheos de traballo e experiencia”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a contribución da Escola Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Coruña á modernización de Galicia desde o talento, a innovación e o coñecemento.

Durante a inauguración do acto académico de despedida das promocións XXI de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, XI de Enxeñaría Técnica de Obras públicas, III de Grao de Enxeñaría de Obras Públicas, III de Grao en Tecnoloxía da Enxeñaría Civil, IX do Mestrado en Enxeñaría da Agua e I do Mestrado en Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, Feijóo lembrou que esta escola lle ten proporcionado á Comunidade profesionais cun gran talento e expresou o seu convencemento de que Galicia vai ser un país mellor con estas novas promocións; “con estes 192 titulados cheos de traballo e experiencia”, engadiu.

Feijóo incidiu en que os premios e distincións entregados no acto indican que hai canteira e que o capital humano de Galicia se enriquece desde xa con novos valores e talentos, cheos de ideas e entusiasmo para afrontar desde o ámbito público ou privado novos desafíos. “Se hoxe en día empresas galegas constrúen infraestruturas estratéxicas complexas en calquera lugar do mundo é porque teñen ao seu servizo enxeñeiros formados nesta escola”, dixo.

“Vós sodes os profesionais que non só construídes estradas, facedes portos, coidades o litoral e preservades o medio ambiente, senón que velades pola seguridade viaria, fabricades benestar, promovedes saúde pública, avanzades en I+D+I, xestionades o construído, ordenades o territorio e facilitades a accesibilidade e mobilidade e desenvolvedes a alta velocidade ferroviaria”. Sobre este punto afirmou que Galicia “está no último cuarto do partido do tren de alta velocidade e ese tren vai chegar cunha enxeñaría de primeiro nivel”.