Monday 25 de November de 2024

San Sadurniño ultima a execución das obras acollidas ao Plan de Acción Social da Deputación


O Plan de Acción Social 2015 é un programa convocado pola Deputación da Coruña para a execución de obras e outros investimentos por parte dos concellos co obxectivo de desenvolver actuacións financeiramente sostibles e cun marcado carácter social. Na distribución de fondos a San Sadurniño correspondéronlle un total de 278.000 euros que serviron para levar adiante catro proxectos de mellora da rede viaria e de infraestruturas municipais. Foron os da remodelación do contorno da piscina municipal, a pavimentación de varias pistas, a construción da senda peonil entre o Eirexado e a Ferraría e, por último, a ampliación das beirarrúas na Agra de Abaixo e o reforzo do abastecemento de augas no lugar do Cochón. Agás as obras na área recreativa de Currás -que están a piques de rematar- todas as demais están finalizadas. De cara ao ano que entra a Deputación agrupou nun único plan o PAS, o PAI e o POS, dándolles máis independencia aos concellos para decidiren como queren investir os cartos. San Sadurniño contará de partida con 625.000 euros que seguramente se vexan incrementados ao longo do exercicio.

O montante total da adxudicación das obras do PAS ascendeu a case 242.000 euros. Deles a maior contía foi para a remodelación e mellora da accesibilidade no contorno da piscina, que suporá un investimento de 105.779 euros tan pronto como os traballos estean rematados. Se o tempo acompaña estímase que a zona quedará lista a mediados de xaneiro.

O resto das actuacións incluídas no PAS si están finalizadas, e algunhas xa desde o verán. No proxecto de pavimentación dos camiños de Pontellas a Soutocalvo, de Prospes a Penacastrelo e dos Pantís a Pramado -no que se incluíron outras pequenas intervencións na rede viaria- o Concello investiu un total de 70.500 euros. No caso da senda peonil entre o Eirexado e a Ferraría, en Naraío, o custe total das obras situouse nos 35.585 euros, cos que se executaron 525 metros de novas beiravías.

O último dos catro proxectos financiados con cargo ao plan provincial rematou esta mesma semana e tivo dúas partes. Dunha banda construíuse un novo tramo de beirarrúas ata as últimas vivendas construídas na beira da DP-7603 á altura da Agra de Abaixo, aproveitando as obras para levar ata alí un novo ramal da rede de abastecemento. Por outro lado tamén se ampliou a subministración de auga potable ao lugar do Cochón, para o que foi preciso executar novas conducións e instalar un sistema de bombeo capaz de subir a auga con presión suficiente a esta zona elevada do centro de San Sadurniño. O importe de adxudicación das obras quedou en case 29.700 euros.

POS, PAS e PAI desaparecen en 2017
San Sadurniño rematará 2016 cun total investido en obras -executadas ou a punto de finalizar- por un valor superior aos 740.000 euros, sufragados con cargo ao POS, ao propio PAS, ao Plan Ambiental -co que se sufragaron as fiestras do Concello e unha rozadora de brazo- ou a convenios como o que permitiu aglomerar e facer novas beiravías no núcleo das Loibas. No apartado cómpre sinalar tamén as axudas autonómicas como o Plan marco do AGADER ou a achega da Consellaría da Presidencia coa que se reparou a pista da EDAR.

No tocante a plans provinciais, de cara a 2017 as cousas cambian en canto a como se xestionarán os fondos. E é que a Deputación da Coruña agrupou nun único programa o POS, o PAS e o PAI co obxectivo de simplificar a tramitación e conferirlles aos concellos maior autonomía á hora de decidir os investimentos que precisen facer.

O novo plan denomínase Plan Único de concellos POS+ 2017 e en base a el San Sadurniño disporá dunha contía total de 625.034,60 euros. Trátase dunha primeira previsión de mínimos, xa que a Deputación sinala que o novo programa será dinámico e que incrementará as partidas dispoñibles para cada municipio botando man do remanentes que se produzan nas contas provinciais deste ano, nutridos principalmente das baixas que se produzan nas licitacións de obras.

Cómpre lembrar, ademais, que a Deputación continuará mantendo outras liñas de colaboración cos concellos, como son o apoio a servizos de normalización lingüística, as axudas a festivais musicais, audiovisuais e de artes escénicas, a contribución para persoal técnico deportivo ou o Plan de Emprego Local (PEL) e o Plan de Medio Ambiente (PMA).