Thursday 21 de November de 2024

San Sadurniño promociona cun vídeo o novo Centro Municipal de Empresas


O edificio ten aberto o prazo de solicitude de espazos ata o 4 de xaneiro e pode visitarse concertando cita previa no 981 490 027

O Concello de San Sadurniño pechará o próximo 4 de xaneiro a primeira quenda de reserva de espazos no Centro Municipal de Empresas. O edificio, situado ao pé da casa consistorial, dispón de 13 locais con medidas entre os 8,5 e os 30 metros cadrados, aos que se poderá acceder por un prezo de 5,83 euros por metro. Para facilitar a decisión de posibles emprendedores e emprendedoras -ou negocios xa en funcionamento que precisen un local- o Concello organiza visitas ás instalacións para as que só é necesario concertar unha cita no 981 490 027. Ademais, desde hai uns días circula pola rede un pequeno vídeo promocional no que se fai un percorrido polo seu interior e se informa sobre os servizos incluídos no prezo mensual.

O audiovisual, producido pola empresa local Entremedias Comunicación, dura dous minutos escasos nos que se mostra a distribución das oficinas e dos espazos comúns, como a zona de recepción ou a sala de xuntanzas. Porén, o vídeo tamén aproveita para promocionar a situación estratéxica dun edificio situado a escasos tres minutos da AG-64, a dez de Narón e a un cuarto de hora do centro de Ferrol.

A peza mesmo lembra que no andar inferior do inmoble se encontra a Escola Infantil Municipal A Rolada. Un servizo con capacidade para atender ata 38 nenos e nenas que, tal e como suxire o vídeo, podería facilitar a conciliación laboral e familiar de quen opte por asentarse no centro empresarial.

O edificio -con 250 m² de espazo útil- posúe 13 locais con distintas medidas, que van desde os 8,50m² das cinco oficinas máis pequenas aos case 30m² da máis grande, situada fronte ao aparcadoiro e que, polo momento, o Concello reservará para usos propios. Nese abano de medidas tamén se poñen á disposición das empresas outras sete, que van dos arredor de 11 metros cadrados ata preto de 22.

Segundo os prezos reflectidos na ordenanza xa en vigor -5,83€/m²-, as oficinas máis pequenas terán un prezo inferior aos 50 euros mensuais e as dun tamaño medio andarán en arredor de 90 euros, incluíndo na taxa e en todos os casos o asesoramento técnico en materia de axudas e subvencións, a calefacción, a xestión de residuos, a limpeza de espazos comúns, o acceso a internet de banda larga, a electricidade, as caixas de correo e a utilización de espazos compartidos como a sala de xuntanzas.

Porén, o centro tamén lle ofrecerá servizos a empresas e entidades sen fins de lucro sen necesidade de ocupar oficina. Neste sentido, a normativa contempla o uso das instalacións como domicilio social -incluída unha caixa de correo- por 20 euros anuais.

Co obxectivo de que as persoas interesadas en reservar un espazo poidan coñecer as instalacións, o departamento de Desenvolvemento local está facendo visitas guiadas polo edificio que se poden concertar previa cita contactando con este departamento a través do 981 490 027. Nas últimas semanas foron arredor dunha trintena de persoas as que pasaron polo edificio e o Concello xa empezou a rexistrar solicitudes. O prazo para presentar peticións formais finaliza o próximo 4 de xaneiro.

A partir de aí será unha comisión formada por persoal técnico municipal quen avalíe as propostas en base a un cadro que puntuará, entre outros aspectos, o grao de viabilidade económica-financeira, os postos de emprego creados, o nivel de innovación en canto á proposta de servizos avanzados ou que non se estean prestando no territorio nestes momentos, que se trate de iniciativas promovidas por persoas incluídas nalgún colectivo de inserción preferente ou que se opte por unha fórmula cooperativa.

A distribución de locais farase segundo a puntuación obtida e as preferencias sinaladas na petición (de aí a importancia de visitar antes o centro). O periodo de acceso ás instalacións será por 2 anos, prorrogables automaticamente de ano en ano salvo renuncia dunha das partes.