A tarde do penúltimo domingo do ano estará ocupada por enteiro polo deporte en feminino e cunha finalidade solidaria. O Pavillón Municipal acollerá varios eventos. Entre eles un partido de voleibol que enfrontará ao Aldebarán xuvenil e ao Narón-Volea e a exhibición do Club Brío. Un cambio federativo de última hora obrigou ao Concello a retirar da programación o encontro de fútbol sala que ían disputar A Fervenza e o Viaxes Amarelle FS, que se substituirá por exhibicións dos grupos de ximnasia para persoas maiores e das clases de ioga que se imparten na Casa da Cultura.
Así, o programa da Xornada de deporte feminino quedará da seguinte maneira:
17.15h. Exhibición de baile moderno Brío
17.45h. Exhibición da EM de ximnasia para persoas maiores
18.15h. Exhibición de Ioga
18.45h. Exhibición ximnasia rítmica e hip-hop Brío
19.15h. Voleibol: Aldebarán vs. Narón volea.
A entrada é gratuíta, pero pídeselle ao público que traia da casa algún alimento non perecedoiro, como poden ser conservas, arroz, galletas, pastas, fariña, leite en pó, cacao, azucre, aceite, lentellas, garavanzos, turróns, polvoróns, etc. Ademais tamén se recollerán artigos de limpeza e hixiene persoal, como xabóns, pasta de dentes ou cueiros. Co que se recolla faranse lotes que despois serán distribuídos polos Servizos Sociais do Concello entre aquelas familias do municipio con menos recursos.