Achegámonos ao Nadal e a programación municipal de Cultura e Deportes vai collendo forza. Esta mañá o alumnado do CPI asistiu na Casa da Cultura á representación da obra “Un lugar chamado Mundo”, da compañía Verdeveras, a través da que descubriron o rico patrimonio inmaterial de varios países seguindo as aventuras dunha nena regueifeira e do seu compañeiro de viaxe, o aviador Nicolai. A obra foi un aperitivo do que chegará o sábado á tarde. A partir das 19.00h. Magín Blanco encherá o auditorio de rapazada co musical “A Nena e o Grilo nun barquiño”. E aseguramos que encherá porque nesta mañá de xoves xa estaban reservadas case todas as entradas para o espectáculo. O domingo, ademais do mercado da mañá, teremos unha tarde dedicada ao deporte en feminino e cunha finalidade solidaria. Será no pavillón municipal a partir das 17.00h. coa actuación de Brío, dos grupos de ximnasia para persoas maiores e do alumnado que asiste a clases de ioga na Casa da Cultura. A xornada finalizará cun partido entre as xuvenís do Aldebarán e o Narón volea.
Magín Blanco meteranos de cheo o sábado pola tarde nun espectáculo que atrae masas infantís aló por onde pasa. Esta é a segunda entrega das aventuras da Nena e o Grilo descubrindo a inmensidade do mundo e os seus segredos.
“A Nena e o Grilo nun barquiño” é unha obra especialmente indicada para idades desde os tres ata os dez anos ou incluso máis, xa que conta con diálogos e cancións a través dos que se transmiten valores válidos para a infancia e para quen xa pasou esa etapa. A solidariedade, o respecto da natureza, a identidade, os afectos e a curiosidade son algúns deles.
Comezará ás 19.00h. na Casa da Cultura con entradas ao prezo de 5€ que esta mañá xa case todas reservadas. Algunha aínda quedaba e quen queira gardar sitio deberá chamar ao 616 332 919 ou enviar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal. Outra posibilidade é probar sorte o sábado á tarde por se fallase algunha das reservas.