Saturday 16 de November de 2024

O pavillón municipal de Brión acollerá este sábado un Maratón de Baile Solidario para recoller alimentos para Brión Solidario


A empresa concesionaria da piscina municipal de Brión, Aquafit Xestión SL, e o Concello de Brión organizan un Maratón de Baile Solidario, que terá lugar no pavillón municipal de Brión este sábado 17 de decembro, de 11:00 a 13:00 horas. Unha iniciativa organizada para recoller alimentos cos que colaborar coa campaña especial de Nadal de Brión Solidario, unha iniciativa que busca recoller alimentos para as familias máis vulnerables do municipio.

Así, para participar neste maratón de baile só será preciso achegar algún tipo de alimento non perecedoiro e correctamente empaquetados, que nesta ocasión céntranse especialmente en: produtos de hixiene, azucre, cacao e galletas. O alcalde de Brión, José Luís García, agradece “a solidariedade que están amosando este ano tanto dos veciños e veciñas de Brión como outras entidades e empresas do municipio. Se a semana pasada tivemos que agradecerlle á UD Bastavales a organización do seu tradicional partido benéfico, agora é Aquafit Xestión quen organiza este primeiro maratón de baile, ao que lle desexamos o mellor dos éxitos”.

As achegas destas campañas especiais sumaranse á campaña que Brión Solidario está a realizar en todo o municipio e que permitirá atender as necesidades alimentarias básicas dunhas trinta familias brionesas. Os alimentos poden entregarse ata o remate do Nadal nos distintos departamentos municipais (Casa do Concello, Casa da Cultura, Centro Social Polivalente e Biblioteca Municipal) e no supermercado Froiz de Montebalado. Os donativos en metálico poderán entregarse na Tesourería Municipal do Concello ou ser ingresados na conta do Concello en Abanca de Montebalado, séndolles entregado en ambos casos o correspondente xustificante de ingreso.