O Concello de Fene continúa coa súa programación cultural e deportiva co gallo das festas do Nadal. Este sábado os lugares de referenza serán o pavillón da Xunqueira e o local da CCRD de Perlío. No primeiro sitio desenvolverase ao longo da mañá o XI Trofeo de minikatas de Judo no que participarán máis de 300 deportistas de toda a volta e, xa pola tarde -20.00h.- a rondalla Perla do Río será a anfitrioa do XVI Festival de panxoliñas Concello de Fene, no que estará acompañada doutras cinco formacións locais para repasaren os clásicos tradicionais destas datas.
No encontro musical participarán o Tradicoro Airiños de Fene, a rondalla Estrelecer, a propia Perla do Río e as masas corais Agarimo de Sillobre, o Pote de Maniños, Eterna Xuventude de Fene e a de San Valentín.
Cada unha delas interpretará tres panxoliñas, entre as que se poderán escoitar pezas tan coñecidas como “Tamborilero”, “Vinde ver o neno”, “Campanas de Navidad”, “Noite de amor” e así ata xuntaren un repertorio de 21 clásicos en galego e castelán.
O evento é con entrada gratuíta e está promovido pola Concellaría de Cultura como xeito de poñer en valor a longa tradición que existe en Fene arredor da música coral. Da organización encárgase Perla do Río, que lle toma o relevo a outra formación da parroquia, a coral Eterna Xuventude, anfitrioa en 2015 deste festival que cada ano se celebra na sede dunha formación do municipio.
Judo na Xunqueira
Por outra banda, tamén o sábado a partir das 11.00h. comezará no polideportivo de San Valentín o XI Trofeo de minikatas de judo de Ferrolterra, organizado pola Artes Marciales Fene, a A.D. Judo Ferrolterra e a Concellaría de Deportes. Colaboran a ANPA do Colexio Madres Mercedarias, o centro de quiromasaxe José María e a empresa de servizos deportivos SEDEGA.
Á cita están convidados todos os colexios da comarca onde as entidades organizadoras imparten esta disciplina, ademais do Grupo Bazán de Ferrol, o ximnasio Senra de Lugo, Xogos da Amizade, o ximnasio Fibra, o Judo club Arteixo e o Judo Club de Bergantiños.
No tatami do pavillón reuniranse máis de 300 judocas de 27 equipos procedentes de 11 municipios da Coruña e Lugo. O evento supón o arranque da temporada neste deporte e, segundo a organización, estará centrado nas execucións técnicas máis que na competición.
O XI Trofeo de minikatas de judo de Ferrolterra está concibido, ademais, como un torneo solidario. A entrada será de balde, pero pídeselle ao público asistente que leve alimentos cun longo prazo de caducidade -cereais, pastas, conservas, cacaos, etc.- e xoguetes que estean en bo estado. Todo o que se recolla entregaráselle a Cáritas para que o distribúa entre familias con poucos recursos.
Máis programación
Os eventos organizados para este sábado métennos de cheo nunha programación que a partir da próxima semana ofrecerá alternativas culturais e deportivas practicamente todos os días. Así, o luns teremos na Casa da Cultura -17.00h.- o festival de Nadal das escolas municipais de música; o martes a ilusionista Fani Triana ofrecerá no mesmo lugar ás 18.00h. o espectáculo “Fantasía” e o mércores a Biblioteca pública municipal acollerá ás 18.00h. o espectáculo infantil “Iriña Bailarina” da compañía Ghazafelhos.
O xoves 22 de decembro pola mañá -12.00h.- chegarán á biblioteca os “Nanocontos” de Raquel Queizás para bebés de 0 a 3 anos e a partir das 20.30h. a igrexa parroquial de Limodre será escenario dun concerto de Nadal ofrecido polo Tradicoro Airiños de Fene.
Cómpre lembrar, ademais, que desde o 21 de decembro estará aberta na Casa da Cultura a exposición fotográfica “Objetivo Ferrol 2.0” do Grupo Bazán e que o Museo do Humor ampliará o seu horario nestas datas.
No deportivo destaca a III Exhibición de ximnasia artística do Nadal do venres 23 no pavillón do Ramo -17.00h.- e o arranque ese mesmo día tanto do Campamento lúdico para peques como da actividade de patinaxe para rapazada e persoas adultas, ambas no pavillón da Xunqueira ata o 4 de xaneiro. Canda elas tamén comezarán na piscina de Centieiras o 22 de decembro os Xogos acuáticos en familia.
O prazo de inscrición nestas últimas actividades -agás a de xogos acuáticos- permanecerá aberto ata o 19 de decembro e para anotarse en calquera delas hai que pasar polas oficinas do Pavillón polideportivo municipal da Xunqueira, en San Valentín, en horario de mañá de luns a venres.
O resto de eventos organizados polo Concello de Fene ata despois de Reis poden consultarse na web municipal, www.fene.gal, ou a través dos folletos editados polos departamentos de Cultura e Deportes.