Friday 22 de November de 2024

O III Mercado de Nadal Artesán de Ordes terá lugar esta próxima fin de semana


Será na Alameda, onde o sábado tamén está prevista unha xincana solidaria
Durante a vindeira fin de semana a Alameda de Ordes encherase de postos artesáns co gallo do III Mercado de Nadal Artesán. Nos máis de 20 postos que se instalarán durante o sábado e o domingo dende as 10.30 ata as 21 horas poderanse adquirir todo tipo de produtos confeccionados con la, coiro, madeira, algodón etc. Abundarán as pezas calcetadas e de gancho, carteiras e bolsos, sombreiros, todo tipo de roupa, libros, figuras en goma eva, xabóns, instrumentos musicais, bixutería e adornos e agasallos para todos os gustos e idades. Ademais os máis larpeiros tamén poden atopar doces, pasteis, biscoitos ou magdalenas entre outras cousas.
No caso de que as condicións meteorolóxicas non permitan a celebración no exterior o dito mercado trasladarase aos locais situados na primeira planta da Praza de Abastos.
Ademais, paralelamente este sábado e tamén na Alameda terá lugar a xincana solidaria, o que sen dúbida animará aínda máis a Alameda ordense. Unha cita dirixida especialmente á rapazada de 6 a 15 anos, na que se mesturan actuacións musicais de grupos e asociacións folclóricas do municipio, probas ao longo de todo o pobo e proxeccións de documentais. Calquera persoa poderá contribuír con alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene persoal e para a limpeza do fogar. As inscricións faranse en Cruz Vermella Ordes ou ben na páxina de Facebook do Día da Solidariedade (http://bit.ly/2hrkMd5). No caso de que a xornada presente chuvia a convocatoria trasladarase ao local social municipal, situado na rúa Reconciliación.