Friday 22 de November de 2024

O alcalde analiza co presidente da Xunta as necesidades do saneamento integral do concello e o Novo Riveira Atlántica


Manuel Ruiz entrevistouse en Santiago con Núñez Feijoo
O alcalde Manuel Ruiz Rivas mantivo en Santiago de Compostela unha reunión co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, para analizar diversos asuntos que son de interese para o municipio e moi en especial os que teñen que ver co seu saneamento tras a entrada en funcionamento da nova EDAR e coa posta en marcha do proxecto Máis Riveira Atlántica 2020 a raíz da recente concesión de fondos europeos FEDER.

No transcurso deste encontro, Núñez Feijoo informou a Ruiz Rivas dunha recente reunión entre Augas de Galicia e Acuaes (que son, respectivamente, os entes autonómico e estatal responsables da construción da EDAR) no que ambas expresaron a súa intención de tomar cantas medidas sexan necesarias para que a infraestrutura funcione correctamente. A tal efecto, teranse en consideración as propostas formuladas polo Concello en aras a solucionar os problemas detectados: vaciado, limpeza e desinfección dos sifóns existentes entre A Ameixida e Aguiño; melloras no triple sifón próximo a estación depuradora ou conexión de vertidos non domésticos á rede separativa industrial.

Outro tema de interese foi a activación do proxecto Máis Riveira Atlántica 2020 despois de que o Concello recibise o visto bo o pasado mes de outubro á súa Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (EDUSI), o que lle permitirá recibir unha axuda de 5 millóns de euros en fondos FEDER para a consecución dun municipio máis eficiente, intelixente, turístico e humano.

Centro Multiusos
A este respecto, o rexedor municipal solicitou a Alberto Núñez a colaboración do Goberno Autonómico para un dos proxectos incluídos no plan: a execución dun centro multiusos no inmoble da antiga discoteca Hesta Kurva, que podería albergar non só usos culturais e musicais senón tamén de outras áreas como as emerxencias municipais, a atención a drogodependencias ou un centro de maiores.

Todo isto permitiría desconxestionar outros equipamentos dos ámbitos social e educativo de tal xeito que —a xuízo de Manuel Ruiz— «unha e outra administración se verían moi beneficiadas con esta instalación multiusos». O alcalde comprometeuse a enviar documentación complementaria que detalle tales beneficios polo miúdo.

Nova lonxa
Por último, outro tema abordado tivo que ver cos trámites que se están a executar cara á inminente entrada en funcionamento da nova lonxa de Riveira.