O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou as actividades que a Escola Municipal de Música levará a cabo no marco do Festival de Nadal, un evento que vén a celebrarse tradicionalmente por este organismo.
Segundo indicou o edil, trátase dunha iniciativa “que vén a sumarse a ampla programación cultural e educativa da nosa cidade nestas datas. Un festival das agrupacións e colectivos da EMM, no que se dá a coñecer o traballo desenvolvido ao longo destes meses, no que poderemos comprobar o traballo da Orquestra de Corda, composta por 15 músicos; da Bandiña, con 27 compoñentes; da Banda, con 40 músicos; dos Coros infantís, con máis de 60 compoñentes; e dunha Agrupación de frautas, guitarras e percusión, acompañados do profesorado da EMM e das familias que desexen asistir”.
A cita é esta tarde no Teatro Principal a partir das 19:00 horas. A esa hora, o alcalde, Martiño Noriega, pasará polo recinto e saudará o alumnado da escola. Para a asistencia ao Festival é necesario a retirada da correspondente entrada, previa petición na Escola Municipal de Música, ata completar a capacidade disponible.
Formación e outras actividades
Na actualidade, a Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela conta cunha matrícula de 420 alumnos e alumnas a partir dos 3 anos; 18 profesores e profesoras que imparten 18 especialidades instrumentais, entre as que están: 31 alumnos de violín, 34 alumnos de piano, 21 alumnos de clarinete, 19 alumnos de percusión ou 13 de saxofón, por citar algúns dos instrumentos de maior demanda.
Ademais, conta con agrupacións como a Orquestra, a Banda e os coros de adultos e de nenos e nenas. Neste novo curso escolar, ofreceráselle ao alumnado e ás familias todo tipo de oportunidades para promover a interpretación de música en vivo, realizando o maior número de concertos posibles das diferentes agrupacións musicais que integran a EMM, procurando buscar o acordo e a complicidade de diferentes colectivos de Santiago.
O alumnado actual da EMM realiza nestas datas as primeiras audicións do curso 2016-17, onde mostran o traballo desenvolvido durante este primeiro trimestre. As audicións comezaron o martes 13 de decembro coa do Seminario de Música Tradicional. Continuarán o xoves 15 coas audicións de vento e piano, o venres coas de corda fraccionada, o luns coas de vento a do alumnado adulto e o martes coas de acordeón, guitarra, baixo e guitarra eléctrica.
O martes 20 de decembro, ás 19:00 horas, terá lugar no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) un concerto no que participarán a Bandiña e a Banda Municipal de Música. Esta actividade enmárcase no convenio entre o Departamento de Educación e Cidadanía e o IV Ciclo da USC.
Ademais, o Departamento de Educación, a través da Escola Municipal de Música, pon en marcha por sétimo ano consecutivo un novo ciclo de sesións didácticas co obxectivo de promover o achegamento da música aos mais pequenos na rede de centros educativos de Compostela. Este ciclo, denominado Quen é quen: os instrumentos que habitan na EMM, está destinado ao alumnado do primeiro ciclo de educación primaria.
Finalmente e ao igual que en cursos anteriores, estase traballando nunha nova proposta para levar a cabo un curso de cámara destinado a distintas especialidades instrumentais. Está previsto que comece na semana do 6 de febreiro ata o 26 de maio de 2017.