A xornada de portas abertas permitirá o contacto directo cos exemplares que actualmente residen no centro. Tamén se informará sobre o sistema de adopción ou acollida
O vindeiro domingo, 18 de decembro, de 10 a 18 horas a canceira de Ordes abrirá as súas portas ao público xeral para levar a cabo a II Festa dos cans. Unha iniciativa coa que se pretende dar a coñecer as instalacións municipais e o traballo que alí se realiza, ao mesmo tempo que se permite o contacto directo cos exemplares que neste momento residen neste centro situado no polígono industrial de Merelle.
Ante a chegada das festas do Nadal tanto o Concello de Ordes como a Asociación Amigos da Canceira de Ordes Segunda Oportunidade queren concienciar sobre o trato correcto que se lles debe brindar aos cans, e a responsabilidade que supón introducir unha mascota deste tipo no domicilio. O fin é o de evitar o abandono animal á par que se informa sobre os beneficios que supón adoptar. Tamén se insiste na posibilidade de optar polo sistema de acollida temporal en casas particulares á espera de familias adoptantes.