O Concello de Brión, co fin de contribuír ao fomento e promoción das artes plásticas entre os escolares do municipio, convoca un ano máis o seu Concurso de Tarxetas de Nadal, que este ano chega á súa edición número 26. Un concurso aberto a todos os nenos de Infantil e Primaria de Brión, que deberán presentar cadansúa tarxeta antes do 21 de decembro no CEIP de Pedrouzos, nas Escolas de Educación Infantil ou na Casa da Cultura de Brión.
As medidas e a técnica empregada para realizar as tarxetas é totalmente libre. As únicas esixencias son que a temática sexa o Nadal e que, se se inclúe algún texto, estea redactado en lingua galega. As tarxetas deberán presentarse sen sinatura, debendo levar ao dorso os datos do autor ou autora (nome, apelidos, idade e curso). O concurso repartirá 400 euros en premios, consistentes en vales para a compra de libros, xogos ou material escolar. O fallo do xurado darase a coñecer o 5 de xaneiro de 2017, coincidindo coa Festa de Reis.