Paneis explicativos, materiais da época e mesmo a recreación dunha aula de principios do século XX conforman a exposición “Centenario das escolas de instrución dos Naturales del ayuntamiento de Fene”, enmarcada no aniversario dos centros de ensino promovidos pola emigración. A mostra pode visitarse ata este venres na Casa da Cultura-Museo do Humor. Porén, os seus contidos e outras referenzas á programación do “Centenario das Escolas Emigrantes, 1916-2016. O ensino en Fene” seguirán estando dispoñibles en formato dixital a través da páxina www.escolasdeemigrantes.fene.gal. Nela pode atoparse unha aproximación ao legado educativo indiano no territorio xunto con vídeos, galerías e outro material gráfico que testemuñan tanto o labor das sociedades de ultramar como a homenaxe que nas últimas semanas se lles rendeu no municipio.
A exposición estará aberta ata o venres de 10 a 13.00h. pola mañá e de 16 a 21.00h. pola tarde, polo que tan só quedan escasos dous días para gozar dunha viaxe aos comezos do século XX. Época na que o colectivo emigrante iniciou a captación de fondos e o deseño dun proxecto educativo con novos equipamentos e métodos revolucionarios co obxectivo de sacar o territorio do atraso socioeconómico.
“Centenario das escolas de instrución dos Naturales del ayuntamiento de Fene” abriu as súas portas o pasado 18 de novembro e conta cunha quincena de paneis expositivos que repasan a xénese dese proxecto e o seu desenvolvemento, que tería como principal fito a apertura en 1916 dos grupos escolares Concepción Arenal e Curros Enríquez impulsados desde a Habana por esta sociedade.
Comisariada polo investigador Guillermo Llorca, a exposición tamén recolle actas e memorias das sociedades de instrución, cartillas e libros de texto, mapas, pupitres, etc., procedentes do Arquivo Municipal e cedidos polo Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA).
A iniciativa enmarcouse nunha programación máis ampla co gallo do centenario das escolas impulsada polas concellarías de Cultura e Ensino con apoio económico da Deputación da Coruña. Os actos incluíron a recreación do pasado indiano nos centros escolares do municipio, tres charlas sobre o legado educativo deixado pola emigración e unha campaña de recollida de fotografías antigas relacionadas co ensino. Canda estas propostas, o Concello de Fene tamén convocou un concurso de investigación histórica dirixido ao alumnado local que pechará o prazo para a recepción de traballos o próximo día 22.
Como colector da información xerada durante o aniversario xa está dispoñible na rede a web www.escolasdeemigrantes.fene.gal, onde se atopa todo o material gráfico da exposición e outros contidos, como o vídeo resume da xornada Fene Indiano nas escolas ou un interesante documental realizado hai case trinta anos polo Taller de vídeo do Concello de Fene sobre o labor das sociedades de instrución.
A peza -que ganou cos anos en valor histórico- tenta describir “como tantos galegos tan calados e sumisos na súa terra desenvolveron desde a outra banda do Atlántico tan altruísta e laudable tarefa, exemplo de capacidade organizativa e de tesón”. O vídeo constrúese arredor da voz en off de Gonzalo Rodríguez e das intervencións de dous exalumnos destas escolas, Xosé Castiñeira e o xornalista Xosé Benito