Para asistir ás actividades é preciso anotarse previamente no Concello
O Concello de Frades vén de pechar o seu Programa de Nadal, que inclúe a terceira edición da Cabalgata de Reis, unha gran festa de Nadal, as tradicionais visitas de Papá Noel e dos Paxes Reais, obradoiros de Nadal, maxia e tres excursións. Todas as actividades, excepto as viaxes a Marineda City e ao Silleda Park, son de asistencia gratuíta, se ben é preciso anotarse previamente no Concello de Frades (981 695 567).
O programa de actividades abrirase o vindeiro luns 19 coas xa tradicionais visitas de Papá Noel aos nenos e nenas do programa Preescolar na Casa, que terá lugar no multiúsos de Frades ás 12:00 horas; mentres o Paxe e o Carteiro Reais visitan aos nenos de infantil e primaria do CIP Ponte Carreira.
Para o venres 23 de decembro, a partir das 16:00 horas no multiúsos de Frades, está programada a Gran Festa de Nadal. Haberá mascota, obradoiros de Nadal, xogos, visita de Papá Noel e unha chocolatada, cortesía da ANPA do CPI Ponte Carreira. A gran novidade deste ano será a actuación de A Gramola Gominola, un grupo de rock que toca música infantil en galego. Anotacións no Concello antes do 19 de decembro.
O luns 26 de decembro terá lugar unha xornada familiar, que comezará ás 16:30 horas no multiúsos de Frades. Nesta ocasión haberá obradoiros de Nadal, merenda e a actuación do Mago Román. Inscricións no Concello antes do 22 de decembro.
Excursións
A primeira das saídas programadas para este Nadal terá como destino o centro comercial de Marineda City (A Coruña), onde os nenos e nenas de Frades desfrutarán dunha sesión de cine e birlos. Os menores de 12 anos deberán ir acompañados dun adulto. O prezo, que inclúe entradas e xantar, é de 10 euros para empadroados e 15 euros non empadroados. Anotacións antes do 23 de decembro no Concello.
A segunda saída será a Silleda Park na tarde do venres 30 de decembro. O prezo será de 5 euros para empadroados e 8 para non empadroados, que inclúen a entrada a atraccións como saltamontes, pistas de coches, dragón, barco, camas elásticas, inchables variados, obradoiros, pistas deportivas, videoxogos… Os menores de 12 anos terán que estar acompañados por un adulto. Inscricións no Concello antes do 26 de decembro.
A terceira e última saída terá como destino a pista de xeo de Ordes. Neste caso o Concello de Frades costeará a entrada ao recinto, se ben o desprazamento correrá por conta propia de cada participante. Unha iniciativa só para empadroados en Frades, que deberán anotarse e recoller as entradas na Casa do Concello antes do 28 de decembro. A actividade está dirixida a maiores de 3 anos e é obrigatorio levar luvas.
Cabalgata de Reis
A guinda final do programa será, por terceiro ano consecutivo, a Cabalgata e Festa de Reis, que terá lugar o mércores 4 de xaneiro, en horario de 16:00 a 20:00 horas. A cabalgata desfilará polo núcleo urbano de Ponte Carreira a partir das 16:00 horas, estando prevista a súa chegada ao polideportivo municipal de Ponte Carreira a iso das 17:00 horas.
Aló as Súas Maxestades recibirán aos nenos e nenas mentres se desenvolve unha gran festa con inchables, animación, bailes, xogos, obradoiros, mascotas e reparto de lambonadas. Haberá chocolate con roscón de Reis de balde para todos os asistentes. Unha actividade na que o Concello de Frades conta coa colaboración do grupo Sarillo (Aiazo) e da ANPA do CPI Ponte Carreira.