O tempo soleado destas últimas semanas veu de marabilla para o avance das obras de remodelación da área recreativa de Currás. De feito xa é posible ver cal vai ser a fisonomía definitiva da zona, onde o máis rechamante son os novos merendeiros dispostos en paralelo á piscina municipal nunha leira que antes estaba a ermo. A idea do Concello cando lle encargou o proxecto á arquitecta municipal era a de ampliar a todo o ano o uso deste equipamento e a de crear un novo espazo onde poder pasar o día ao aire libre cunha certa intimidade. O resultado son varias mesas cubertas con cadansúa pérgola e unidas por un sendeiro en espiña de peixe desde o que se poderá acceder a outras partes do contorno nas que tamén se está intervindo.
O proxecto, cifrado nun prezo de licitación de 135.614€, finánciase con cargo ao Plan de Acción Social da Deputación da Coruña. As actuacións consisten, a grandes trazos, na eliminación de peches perimetrais, na ampliación das áreas destinadas ao lecer e na instalación de novo mobiliario, tanto deportivo como para xogos infantís. As obras tamén se aproveitarán para rehabilitar a edificación dos vestiarios e reordenar as áreas arboradas.
Tal e como indica o documento redactado pola arquitecta municipal, Montserrat Ruíz, o que se busca é “ordenar os accesos e ampliar os lugares de lecer, incorporando novo mobiliario exterior e mellorando as edificacións existentes dos vestiarios e das gradas para dotar ao conxunto do espazo dunha imaxe atraente e renovada”.
Para iso estanse levando adiante un total de 25 actuacións, como a eliminación dunha parte dos valos metálicos, a replantación de árbores, a colocación de novo mobiliario e elementos decorativos e, sobre todo, a ampliación da área de lecer a unha leira anexa á piscina que ata hai pouco se empregaba como aparcadoiro. É aí onde máis se nota a transformación despois de que hai algúns días quedasen instaladas as mesas e mailas pérgolas dun merendeiro ampliado que ofrecerá, ademais, un plus de tranquilidade a quen decida pasar nel a xornada.
Outra novidade é o aproveitamento de parte de acceso principal ao recinto como pista deportiva multixogos -baloncesto e xogos populares-, mentres que o lateral exterior das bancadas do campo de fútbol, que irá decorado cun grande mural, contará con céspede e material para poder botar partidas de volei ou xogar rebumbios ao fútbol.
O plan de mellora da área de Currás tamén ten prevista a incorporación de máis equipamentos infantís e a preparación da banda leste do campo de fútbol como lugar de estacionamento. Porén, o alcance das obras non só será estético senón tamén funcional e ambiental. O proxecto cita que se respectarán os elementos existentes que sexan aproveitables, que se eliminarán “os descontextualizados” e que se introducirán “construccións e mobiliario sostibles e respectuosos co medio ambiente”.
As obras tamén perseguen a eliminación de barreiras e a variación dos sendeiros para failitar o acceso aos distintos lugares en que se divide agora a área arredor da piscina, que continuará contando cun peche perimetral de seguridade. Todo o plan busca reordenar os usos das instalacións ofrecendo múltiples opcións de lecer: dúas zonas para deporte, espazo para que brinque a cativería, a propia piscina durante o verán e mesmo os novos lugares á sombra onde pasar o día en familia mantendo unha certa intimidade.