Os alcaldes de Fene, Cabanas, Ares, Neda e a alcaldesa de Mugardos reuníronse este luns en Fene para darlle os últimos retoques ao regulamento de funcionamento do punto limpo situado no polígono do Vilar do Colo de cara a avanzar na súa apertura. Segundo informou o anfitrión da xuntanza, o alcalde Juventino Trigo, no encontro estudáronse as modificacións do texto para recoller as peticións expresadas por cada municipio. O rexedor fenés sinalou que nestes momentos faltarían por perfilar “pequenos detalles” como os quilos de certos materiais que se poderán levar ao centro ou os horarios de apertura, ademais da posibilidade de que poidan botar man deste servizo tamén as PEMES. Nos próximos días volverá celebrarse unha nova asemblea dos cinco concellos para revisar os últimos cambios no articulado e, a partir de aí, elaborarase o estudo económico no que se baseará a licitación da xestión.
Os concellos están de acordo en que o centro a leve unha empresa privada e que sexa Fene quen se encargue de todo o referido á súa posta en marcha e coordinación. Para iso a idea coa que se traballa é a de que Cabanas -que nestes momentos é cotitular das instalacións- lle encomende ao consistorio fenés a xestión e que despois os municipios -incluído o de Cabanas- suscriban con el un convenio para gozaren do servizo “facendo as achegas que sexan pertinentes” en base a parámetros como o número de habitantes ou o volume mensual que se achegue desde cada territorio.
Con este punto de partida agora os cinco municipios encóntranse na fase de consensuar o regulamento de funcionamento ou, dito doutro xeito, a carta na que se establecen todos os pormenores da prestación do servizo. Segundo Juventino Trigo este luns pola mañá abordáronse “pequenos detalles”, como por exemplo as unidades ou quilos que se poderán levar ao centro ou os horarios de apertura.
A única cuestión que quedou enriba da mesa e que lle afectaría ao regulamento sería a da posibilidade de que as PEMES poidan levar alí os seus resíduos. Un estremo cualificado por Trigo como “bastante complicado” que quedou pendente de estudar desde o punto de vista técnico e legal e que, en calquera caso, non retrasaría o proceso de apertura do punto limpo Fene-Cabanas. ”A vontade de todos é solucionalo canto antes. Se é posible incluílo no regulamento incluirase e se vemos que nos trae dificultades que retrasen o trámite seguiremos e analizarase no futuro se existe esa posibilidade”, explicou o rexedor fenés.
O alcalde tamén sinalou que, unha vez consensuado o regulamento, se levará adiante o estudo económico “para saber cal vai ser o custe” do servizo e licitar a súa xestión.