Friday 22 de November de 2024

Fene presenta a publicación “Un mundo sen electricidade”


A iniciativa enmárcase no programa de recuperación da memoria histórica do municipio Construíndo Pontes

A Casa da Cultura de Fene acollerá este mércores a partir das 19.30h. a presentación da publicación “Un mundo sen electricidade” na que se reflicte a vida no municipio antes de que chegaran a electricidade e os electrodomésticos, así como a evolución que supuxeron tanto a subministración como os inventos que se foron incorporando á vída diaria. A obra forma parte do programa Construíndo Pontes co que se tenta reconstruír e recuperar a memoria histórica fenesa. De feito, “Un mundo sen electricidade” céntrase en boa medida nas lembranzas de persoas que viviron épocas sen tantos adiantos e que hoxe participan no proxecto de Envellecemento activo e participación social que desenvolve a área de Benestar Social e Igualdade con apoio económico da Deputación da Coruña.

Desde a concellaría destácase “a valiosa contribución que as persoas participantes fan ás
xeracións máis novas valorando o pasado e a súa influencia no presente, aproveitando estas experiencias para non perder de vista as orixes e valorar as facilidades que agora se teñen e fan a vida mais doada”. Neste sentido, un dos apartados do traballo mostra o resultado da implicación no proxecto das xeracións máis novas como “unha experiencia moi enriquecedora de intercambio interxeracional”.

Trala presentación da publicación haberá un coloquio entre representantes do grupo de traballo e as persoas asistentes para “compartir a súas vivencias e manter viva a historia inmaterial de Fene” , cos obxectivos de “estimular o debate e o intercambio de información” e de “desenvolver aprendizaxes coas xeracións máis novas e a sociedade no seu conxunto”.

O evento é gratuíto e está aberto a toda a poboación. Ademais, quen asista levará como agasallo unha copia da publicación. Para ampliar información sobre ela ou sobre calquera outro programa dos que desenvolve a área de Benestar social e Igualdade pódese contactar co centro municipal deste departamento en San Valentín, ben pasando por alí -Avda. do Mar B1, baixo-, ben mandándolle un correo a servizos.sociais@fene.gal ou chamando aos teléfonos 981 492 706 – 981 342 607.