Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Oroso felicita á orosá Sara Gacio Cendal, medalla de bronce no Campionato de España de taekwondo


O Concello de Oroso felicita á orosá Sara Gacio Cendal, que vén de lograr a medalla de bronce en combate, categoría cadete de menos de 55 quilos, no Campionato de España por Clubs 2016. Un torneo disputado esta fin de semana no pavillón Pitiu Rochel de Alacante e no que tomaron parte máis de 3.000 deportistas pertencentes a trescentos clubs de toda España.

A deportista do Club de Taekwondo Boudsport conseguiu a medalla de bronce tras vencer con autoridade en dezaseisavos, oitavos e cuartos de final, caendo nas semifinais por un axustado 2-0 anta e campioa de España, Elena Torres Tena, do TKD Getafe. Deste xeito, a loitadora orosá completa un extraordinario trimestre, no que conseguiu o ouro no open internacional de Moaña e a prata no Torneo Cidade da Coruña.

Sara Gacio Cendal, de 14 anos e veciña de Deixebre, foi distinguida este mesmo ano polo Concello de Oroso como mellor deportista do ano na III Gala do Deporte, celebrada o pasado mes de xuño.