O alcalde de Riveira mantivo esta mañá unha xunta de voceiros cos grupos da Corporación na que lles comunicou as propostas que o Concello vai solicitar ás administracións responsables da EDAR de Couso (é dicir, Estado e Xunta) co fin de dar unha solución aos problemas de malos olores rexistrados pola rede conducente a esta infraestrutura.
Entre elas, a de que en tanto persista este problema se desvíe o caudal do tanque de Pedra Pateira cara o novo emisario do Touro (prolongado ata 3,5 kilómetros de longo e 50 metros de profundidade tras as obras concluídas o ano pasado) , de tal xeito que non siga pola rede ata a depuradora, o que se pensa vai servir para eliminar as molestias de puntos posteriores.
Durante a xunta de voceiros, o rexedor municipal fixo un resumo das actuacións que foron instadas polo Concello. Así, lembrou que os primeiros episodios de malos olores foron detectados a mediados de agosto e que o Concello se puxo en contacto coa empresa encargada de elaborar o plan de saneamento local e de redactar o proxecto da EDAR, Eptisa, para que analizara o asunto e fixese as consideracións oportunas. A este respecto, dita empresa recomendou que os bombeos da rede de saneamento se puxesen a funcionar de forma continua, o cal non dou o resultado esperado.
A partir de aí, o Concello emprazou a unha reunión ás partes responsables e, á falta de accións inmediatas por parte destes últimos, tomou a decisión de costear un exhaustivo estudo do estado da rede e determinar as características do vertido e a súa evolución ao longo da rede: estudo que foi realizado nas dúas primeiras semanas do mes de novembro e do que agora se acaban de coñecer os resultados (entre eles, a existencia de vertidos non domésticos que deben canalizarse pola rede industrial) así como unhas propostas de actuación.
Así, mentres o caudal estea conectado co emisario do Touro, recomenda que se fagan traballos destinados ao vaciado, limpeza e desinfección dos sifóns existentes entre A Ameixida e Aguiño co fin de eliminar a sedimentación que puidese estar acumulada, así como actuacións no triple sifón nunha zona próxima á depuradora de Couso. Igualmente, que os verquidos non domésticos se conecten á rede separativa industrial.
Durante a reunión, lembrouse que o Concello non licitou, adxudicou, dirixiu ou costeou a obra da Depuradora de Riveira, nin será a entidade que a recepcione ou asuma o seu mantemento.