Saturday 16 de November de 2024

En marcha un proxecto piloto para controlar as colonias felinas da cidade


A concelleira de Benestar Animal, Noa Morales, presentou hoxe un proxecto piloto que ten como obxectivo controlar e diminuír as molestias que causan as colonias de gatos rueiros, ao tempo que se mellora a situación destes animais. Trátase dun programa que aplicará o método CES: Captura, Solta e Esterilización, e ao que se van destinar 11.000 euros. Esa partida abondará para esterilizar preto de 140 gatos e gatas.

Noa Morales explicou que o método CES é o que demostrou ser máis eficaz para controlar o crecemento da poboación de colonias de gatos salvaxes. A edil sinalou que os gatos e gatas son “capturados” polas coidadoras habituais das colonias, para ser esterilizados en clínicas veterinarios e despois soltados de novo cunha marca na orella que os identifica.

Deste xeito, “redúcese drasticamente o comportamento molesto asociado aos gatos salvaxes, como os miañares ou as pelexas, así como o cheiro dos machos fecundos”. En todo caso, a concelleira sinalou que “os efectos deste tipo de accións nótanse a medio prazo, e noutras cidades nas que xa se aplicaron percibiuse un descenso do 70% da poboación de gatos rueiros nun prazo de cinco anos”.

A concelleira de Benestar Animal explicou que en Compostela están controladas por coidadoras preto de 30 colonias felinas, nas que viven case 170 gatos. Estes grupos están repartidos por toda a cidade, en puntos como Fontiñas, Outeiro de Sar, a Alameda, Castrón D´Ouro ou a praza de Galicia.

Modificación da ordenanza municipal
Noa Morales aproveitou para avanzar que o seu departamento está traballando na actualización da Ordenanza municipal de posesión e custodia de animais, para ampliar o seu obxecto de cara a garantir o benestar dos animais. Nesa liña, o novo texto atenderá as colonias felinas e incluirá sancións para aqueles que causen danos a estes grupos.

A modificación da ordenanza tamén incluirá a prohibición de que en Santiago se desenvolvan espectáculos con animais que poidan ser prexudiciais para eles, na liña da moción aprobada polo Pleno da Corporación.