Saturday 16 de November de 2024

Con Suma Conciencia prepara varios cursos para o inicio do ano


Aprender a facer lámpadas, vidreiras e outros obxectos decorativos con anacos de vidro de cores. Esa é a proposta que nos ten preparada para xaneiro o colectivo local Con Suma Conciencia a través dun curso aberto a todas as idades no que a experta na materia Agustina Motas nos descubrirá a técnica Tiffany. A actividade comezará o día 10 e xa ten aberto o prazo de inscrición. Desenvolverase na antiga escola de Silvalonga con xornadas de dúas horas semanais en grupos de mañá e tarde os venres e os martes. Para participar cómpre chamar ao 600 612 243. Porén, a entidade ten máis ideas en mente das que está ultimando detalles, entre elas clases de canto, guitarra e baixo eléctrico que tamén agardan iniciar en xaneiro.

O obradoiro sobre vidro meterase a fondo coa técnica Tiffany ideada nos Estados Unidos a mediados do século XIX. Consiste en pintar anacos de vidro que despois van ao forno para fixar a cor, a menos que se utilicen fragmentos de cristal xa tintados. O resultado é unha materia prima que despois se corta en pezas máis pequenas para elaborar a partir delas vidreiras policromadas, lámpadas, marcos de espellos e todo tipo de obxectos decorativos translúcidos.

As sesións impartiraas Agustina Motas como continuación dunha sesión introdutoria organizada pola entidade o pasado mes de xullo. Motas explicará o proceso de corte das pezas, o pulido, o encintado e a soldadura final dos deseños feitos previamente en papel. Este curso empezará o 10 de xaneiro e programouse en sesións de dúas horas de duración con opcións de mañá ou tarde os martes e venres. Así, o grupo da mañá comezará o martes 10 en horario de 17 a 19h. e a xente que opte polas mañás empezará o venres 13, de 10.30 a 12.30h.

O prezo da actividade é de 30 euros mensuais para persoas socias de Con suma Conciencia e de 50 euros para quen non forme parte da entidade, incluíndo nese prezo os materiais. Quen teña interese ou queira obter máis información pode chamar ao 600 612 243.

O colectivo Con Suma Conciencia ten entre os seus obxectivos dar a coñecer xeitos de vida alternativos comprometidos co ambiente e co desenvolvemento persoal a través da creatividade. Exemplo disto son tanto este obradoiro como outros que ten previsto iniciar tamén en xaneiro centrados na música. Teñen idea de organizar tres: un de canto, outro de guitarra e un de baixo eléctrico que, de xuntarse grupo, tamén se desenvolverán na antiga escola de Silvalonga, onde Con Suma Conciencia centraliza boa parte da súa actividade.

Para informarse sobre os programas que ten postos en marcha a asociación ou apuntarse a estoutros cursos hai que chamar ao 650 651 436, 619 933 819 ou 649 929 917. Outras vías para seguir todo o que fan son o blog da asociación ou a comunidade en Facebook.

Turrón en Igrexafeita
E tamén cómpre lembrar que este sábado se celebra en Igrexafeita o último Tempos para compartir do ano e cun tema moi acaído a estas datas, xa que se ocupará de ensinarnos a facer turrón caseiro da man de Elena González Castro.

O obradoiro comezará no local social da AVV Adiante ás 16.30h. e finalizará sobre as 19.00h. Das 20 prazas ofertadas no último boletín Novas quedan 6 por cubrir e a data límite para se apuntar é este mércores día 14 de decembro.

Para facelo cómpre chamar ao 981 490 027 (ext.1). Nese teléfono tamén podemos ofrecernos como docentes de futuros obradoiros co obxectivo de compartir con outras persoas calquera coñecemento que teñamos ou calquera cousa que saibamos facer.