Terá lugar o vindeiro sábado e o obxectivo é recadar alimentos e produtos de hixiene persoal e para a limpeza do fogar
O vindeiro sábado, 17 de decembro, a Alameda de Ordes será de lugar de encontro para desenvolver unha divertida iniciativa dirixida especialmente á rapazada de 6 a 15 anos. Trátase da Xincana Solidaria, que por primeira vez se levará a cabo no municipio.
A partir das 15 horas os organizadores darán a benvida aos grupos participantes e ofreceranlle toda a información precisa para, xa dende as 16 horas, empezar co conxunto de probas de destreza e inxenio que deberán resolver ao longo de todo o pobo de Ordes. O programa tamén inclúe a proxección dun documental sobre ecoloxía ás 17.30 horas nos baixos da Alameda. Ademais disto durante toda a tarde haberá foliadas, música popular e tradicional e actuacións a cargo de moitos dos grupos da zona.
Tanto aos participantes como á veciñanza en conxunto solicítaselles a súa aportación mediante a entrega de alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene persoal e para a limpeza do fogar. Todo o acadado neste día será doado integramente a organizacións e asociacións benéficas da comarca de Ordes.
Inscricións en liña
Aquelas persoas que se queiran inscribir deberán facelo a través de Cruz Vermella Ordes ou ben na páxina de Facebook do Día da Solidariedade (http://bit.ly/2hrkMd5). No caso de que a xornada presente chuvia a convocatoria trasladarase ao local social municipal, situado na rúa Reconciliación.
A organización corre a cargo da iniciativa veciñal denominada Veciñ@s de Ordes, e conta coa colaboración do Concello de Ordes e Cruz Vermella Ordes. Cabe lembrar que na edición pasada, na que se disputaron partidos de fútbol gaélico, conseguíranse 300 quilos de alimentos e máis de 200 produtos de hixiene e limpeza.