Friday 22 de November de 2024

Ana Pontón reclama en San Sadurniño un plan de mobilidade comarcal “á altura do século XXI”


A portavoz do BNG no Parlamento de Galicia, Ana Pontón, e o tamén parlamentario nacionalista Xosé L. Rivas “Mini” visitaron esta mañá o Concello de San Sadurniño para interesarse polas iniciativas que actualmente desenvolve o consistorio e para recabar novas demandas susceptibles de ser debatidas no Hórreo. No transcurso da visita, Pontón e Rivas entrevistáronse con representantes da Asociación Galega da Froita autóctona e comprometéronse a apoiar a reivindicación da entidade para que as castes do país alcancen o recoñecemento oficial que permita a súa comercialización. Porén, Pontón tamén aproveitou a ocasión para reclamar un plan de mobilidade comarcal “á altura do século XXI” fundamentado en tres alicerces: a execución dunha Vía de Altas Prestacións “que leva máis de 16 anos de retraso”, a modernización do FEVE -xunto coa súa transferencia a Galicia- e unha mellora das conexións por autobús.

A visita de Pontón e Rivas comezou a media mañá na leira da Cortiña onde a AGFA do Eume xestiona a horta de conservación de especies do país. A entidade iniciou no verán unha campaña de recollida de sinaturas a prol do recoñecemento das distintas variedades froiteiras por parte dos organismos oficiais e, principalmente, por parte da Unión Europea. A normativa comunitaria impedirá que os viveiros vendan plantas froiteiras que non estean catalogadas nin tampouco que se comercialice posteriormente a súa produción. Unha circunstancia que deixaría fóra do mercado as variedades autóctonas sobre as que aínda non se fixeron traballos científicos de identificación malia formaren parte do patrimonio vexetal galego.

A portavoz do bloque vencellou o recoñecemento oficial das especies froiteiras do país e a súa explotación comercial como unha oportunidade “de crear emprego e fixar poboación no rural” e adiantou que o seu grupo elevará ao Parlamento unha iniciativa neste sentido, na liña adoptada recentemente pola FEGAMP a instancias do Concello de San Sadurniño.

Xa no contorno do Pazo, Ana Pontón e Mini achegáronse ás instalacións do Centro Municipal de Empresas e da Escola Infantil “A Rolada” que, segundo a parlamentaria, “demostran que nos concellos do interior e rurais hai proxectos innovadores e unha aposta polos servizos públicos e polo emprego”.

Xusto antes de visitar as dependencias do edificio anexo, Pontón atendeu aos medios para falar principalmente da “preocupación” nacionalista pola mobilidade na comarca. A portavoz do BNG reivindicou un plan que recolla o impulso da Vía de Altas Prestacións, a modernización ferroviaria e as conexións en autobús. Neste sentido denunciou que a VAP “leva 16 anos de retraso” e reclamou que nos orzamentos da Xunta deste ano se introduzan partidas para as expropiacións de cara comezar as obras “o antes posible”.

Con respecto ao tren, Ana Pontón criticou o “desmantelamento” do FEVE por parte do Estado que, segundo asegurou, “non ten previsións de investimento” nesta infraestrutura para 2017. Así, Pontón pide que a liña sexa transferida a Galicia “con fondos para a súa modernización” por tratarse dun “elemento de vertebración do territorio” que noutros lugares si se tería aproveitado, como por exemplo en Asturias.

A terceira pata da mobilidade sobre a que a xuízo do BNG se debería intervir é o transporte en autobús. Pontón dixo que o actual deseño de liñas e frecuencias “non responde á realidade social” e reivindicou que tanto o bus como o camiño de ferro e a futura vía de altas prestacións estean incardinadas nun plan “á altura do século XXI”.

A representación parlamentaria nacionalista achegouse tamén ata o concello de Moeche e está previsto que esta tarde volvan para San Sadurniño para visitar o castelo de Naraío, sobre o que o BNG tamén vai presentar unha iniciativa no Hórreo conducente a que a Xunta finalice os traballos de consolidación e rehabilitación iniciados hai varios anos.