Friday 22 de November de 2024

Licitadas as obras de reparación da rúa Travesa


O Perfil de Contratante do Concello de Fene publicou a mediados de novembro o procedemento de licitación das obras de arranxo da rúa Travesa, situada preto do centro urbano. Un procedemento que xa ten pechado o periodo para a presentación de propostas e que cuantifica os traballos nun prezo de saída próximo aos 50.000 euros. O seu obxectivo será reparar o firme pero tamén repoñer as conducións da auga potable e as canalizacións das escorrentías, ademais de mellorar a seguridade peonil.

A rúa Travesa é un caso especial dentro da rede viaria municipal. Malia ter nome de rúa a súa feitura responde á dun camiño que non ten encaixe na trama urbana municipal definida no PXOM. O ancho medio anda nos 3,5 metros e nalgúns puntos incluso é menor por ter vivendas e ribazos a un e outro lado. Circunstancias todas elas que dificultan o tráfico -intenso por esa zona- e que, ademais, impiden facer obras máis ambiciosas con custes asumibles, como serían a construción de beirarrúas ou o ancheado da calzada.

O que si se pode facer é tentar mantela nas mellores condicións posibles e por iso a Concellaría de Obras encargou un proxecto que prevé facer dúas actuacións: o aglomerado do firme e, antes diso, a substitución das canalizacións do abastecemento de auga e a construción dun novo sistema de drenaxe con escaso fondo que se poida usar como senda peonil.

As obras desenvolveranse sobre unha distancia de 250 metros entre os cruzamentos coa rúa Alta e Alcalde Gerardo Díaz. En todo o traxecto cambiaranse as vellas tubaxes por outras de polietileno de 110 milímetros con chaves de paso e arquetas de rexistro para acceder a elas. Tamén se prevé instalar unha boca de rega na parte central da vía.

No referido á canalización de pluviais o proxecto recolle a limpeza das cunetas e a construción dunha plataforma dun metro de ancho e cun deseño de “v” aberto pola que tamén poidan circular viandantes. Debaixo dela irán instaladas tubaxes de PVC de 400 mm que tamén recollerán a auga das baixantes dos tellados da zona.

O traballo quedará listo coa intervención na capa de rodadura, sobre a que primeiro se fará un rebacheo para logo cubrila con asfalto aglomerado de 5 centímetros de espesor.

O prezo de licitación das obras -que o Concello prevé adxudicar en breve- fixouse en 49.916,14€ e o periodo máximo de execución estableceuse en 2 meses contados a partir da sinatura do contrato coa adxudicataria. Prazos e prezos que seguramente se vexan sensiblemente rebaixados nas ofertas presentadas.

En calquera caso, desde o goberno local sinálase que o obxectivo deste proxecto é dobre. Dunha banda reparar unha vía moi deteriorada para mellorar a seguridade do tráfico rodado e peonil e, doutra, aproveitar os traballos na zona para repoñer todas infraestruturas soterradas que nalgúns puntos tamén estaban danadas.