Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño celebrará o próximo 18 de decembro o último mercado local do ano


Os postos teñen aberto o prazo de solicitude de espazo

O domingo 18 de decembro é a data elixida polo departamento de Desenvolvemento local para a celebración do último mercado local do ano. Unha edición especial do Nadal que seguramente se vexa animada pola proximidade dunhas festas que tradicionalmente convidan a facer compras. O prazo para reservar espazo xa está aberto e abondará con que as persoas interesadas en poñer un posto presenten cuberta a solicitude que hai ao pé desta nova. A data límite é o 14 de decembro e o listado definitivo publicarase ao día seguinte.

O obxectivos principal do mercado é promover o comercio de proximidade que permita darlles saída a todo tipo de artigos, aínda que poñendo o acento nos produtos de calidade do sector primario. En esencia trátase dunha feira coma as de antano pero actualizada para os novos tempos, posto que tamén incorpora un amplo abano de oferta en artesanía, flor e planta e todo tipo de curiosidades de segunda man, moitas delas antigas.

A cita está fixada para a mañá do domingo 18 nos xardíns municipais mantendo a distribución habitual: nos sendeiros máis próximos á Casa do Concello atoparemos os postos de alimentación e produtos frescos, que pouco a pouco van ganando peso nun mercado que, unhas edicións con outras, pasa do medio cento de expositores. Na metade inferior dos xardíns e na banda oeste situaranse os viveiros e artesanía, mentres que no lado paralelo á estrada de Ferreira compartirán espazo este último gremio e o das persoas que venden artigos de segunda man. Todos eles deberán permanecer instalados, como mínimo, ata as 14.30h -o mercado arranca a iso das 9.30h.- e ponse como requisito que non excedan os 6 metros liñais.

As inscricións poden facerse cubrindo o formulario dispoñible algo máis abaixo. Esa folla hai que presentala despois no rexistro municipal, levala en persoa á Casa da Cultura en horario de mañá ou ben mandala cuberta ao enderezo agustin.perez@sansadurnino.gal. O prazo de presentación de solicitudes remata o martes 14 de decembro e a listaxe das admitidas publicarase o xoves 15.

Actuación de Nadal no patio do Concello
Quen se achegue ese día ao mercado local poderá gozar ademais dun pequeno concerto das masas corais de San Sadurniño e Lamas que terá lugar na columnata da Casa do Concello a partir das 12.45h.

Trátase dun recital para todos os públicos no que ofrecerán unha escolma de panxoliñas do cancioneiro tradicional galego. A entrada é gratuíta e no caso de que fixese mal tempo a actuación trasladaríase á Casa da Cultura co mesmo horario.