Friday 22 de November de 2024

Ordes inaugurará en breve o seu novo centro de recollida de animais abandonados


Ten capacidade para albergar un total de 18 cans. Consta de cubículos de acollida e especiais para exemplares enfermos, oficina, patio de exercicio, sala de curas, almacéns, aseo e vestiarios. As obras ascenden a 51.300 euros

O Concello de Ordes procederá en breve á inauguración oficial do que é o seu novo centro de recollida de animais abandonados, o cal está ubicado no parque empresarial de Ordes (Merelle). Un espazo orzamentado en 51.300 euros e destinado a albergar en pefectas condicións a cans para ser entregados en adopción.
As novas instalacións están ubicadas nunha parcela de máis de 2.500 metros cuadrados. Consta de 6 cubículos independentes destinados a animais sans, perigosos, enfermos non contaxiosos e infecto- contaxiosos. Todos eles están dotados de camas, comedoiros dispensadores e bebedoiros con auga potable; lazareto para animais que precisen de tratamentos especializdos por prescrición veterinaria; sala de curas con botiquín, mesa de exploración, almacén de aparellos e fregadoiro; oficina para tarefas administrativas; aseos e vestiarios para o persoal con ducha, taquillas e bancos; almacén con zonas diferenciadas para gardar productos de limpeza, hixiene, penso e comida dos animais; patio de exercicio con leve pendente de inclinación ás zonas de desaugadoiro; zona de acceso situada á entrada das instalacións con entrada directa á área de administración e zona de espera de animais.
En total poderanse acoller 18 cans entre 10 e 20 quilos de peso, 12 deles nos cubículos normais e outros 6 entre o lazareto e o espazo destinado aos enfermos infecto non contaxiosos. En canto as razas acolleranse a todas, incluídas as consideredas como perigosas.
O recinto rexirase polo establecido na Lei 1/1993 de 13 de abril de protección dos animais domésticos e salvaxes en cautividade. En todo caso realizaranse libros de rexistro nos que se especificará a data de inscrición; procedencia do can; especie, raza ou procedencia; data de baixa; destino; identificación e domicilio dos novos adoptantes. Unhas tarefas levadas a cabo polo veterinario responsable do servizo, que contará co apoio de persoal operario do Concello de Ordes no mantemento das instalacións e trato cos animais.