Convócanse 20 prazas en modalidade de inscrición única para os tres períodos vacacionais, que deberá formalizarse do 12 ao 16 de decembro nos Servizos Sociais de Lousame
O Concello de Lousame amplía o servizo de ludoteca, incluído no seu programa de conciliación “Lousame Concilia”, ás vacacións escolares de Nadal, Entroido e Semana Santa. Ata o de agora, o Concello de Lousame só ofrecía este servizo antes do inicio das clases do curso escolar, de 7:45 a 9:45 horas, e durante as vacacións de verán.
A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, explica que “grazas á colaboración da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, este ano podemos ampliar este programa de conciliación familiar e laboral Lousame Concilia a todos os períodos de vacacións escolares, incluíndo por primeira vez as vacacións de Entroido, Semana Santa e Nadal”.
Para esta primeira convocatoria, o Concello de Lousame ofrece 20 prazas para nenos e nenas de 3 a 12 anos, que participarán nun servizo de ludoteca que se impartirá de 9:30 a 14:30 horas no CPI Cernadas de Castro durante o Nadal (once días: 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro; e do 2 ao 5 de xaneiro), Entroido (tres días: 27 e 28 de decembro e 1 de marzo de 2017) e Semana Santa (tres días: do 10 ao 12 de abril).
Inscrición única
O prazo de inscrición abrirase do 12 ao 16 de decembro no departamento de Servizos Sociais de Lousame e será inscrición única, é dicir, que as familias poderán anotarse nun, dou ou nos tres períodos vacacionais ofertados. Para anotarse só terán que cubrir e asinar o correspondente impreso de solicitude (que poden descargar da web do Concello) e presentar a última nómina ou recibo de autónomos para acreditar a situación laboral puntuable.
Á hora de establecer o baremo para a admisión dos pequenos, o Concello de Lousame outorgará 3 puntos a todos os menores empadroados en Lousame cunha antigüidade mínima dun ano. Así mesmo, outorgaranse 2 puntos a aquelas solicitudes cos dous proxenitores empregados e 1 punto no casos nos que un dos proxenitores traballe. Tamén se outorgará 1 punto aos que non superen os ingresos establecidos para a situación socioeconómica familiar (3.461,32 euros como cifra xeral e 3.980,52 euros no caso de familias monoparentais ou numerosas). En caso de empate na puntuación, aplicarase a orde de entrada da solicitude no Rexistro do Concello de Lousame.
Así mesmo, o Concello de Lousame lembra que tamén existe a posibilidade de traer aos pequenos ao Lousame Concilia en datas concretas, se quedasen prazas vacantes. Para iso é preciso chamar ao 609 828 853 para reservar a praza. O Lousame Concilia é un programa de conciliación familiar organizado polo Concello de Lousame e cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral da Igualdade da Presidencia da Xunta de Galicia.