Monday 25 de November de 2024

“Tufina, unha princesa porquiña pouco fina” estrea este domingo a programación do Nadal de San Sadurniño


O Mago Perlán está entusiasmado coa visita da súa curmá, a princesa Tufina. Hai moito tempo que non se ven, só manteñen o contacto a través de cartas e as de Tufina sempre chegan manchadas de cacao. Perlán pensa que isto é debido a que Tufina vive nun castelo de chocolate. Pero nada é o que parece. Así arranca a historia dirixida a público familiar -especialmente para papás e mamás con criaturas menores de 4 anos- coa que o Concello inicia a programación de Nadal e Reis. “Tufina, unha princesa porquiña pouco fina” represéntase este domingo a partir das 18.00h. na Casa da Cultura. E, a partir de aí, moito máis.

Cando Tufina se reúne por fin con Perlán, o mago atópase cunha nena suxa e desaliñada que só pensa en comer chocolate e en ver a tele. A partir de aí e coa axuda dos seus poderes e a complicidade das nenas e nenos, tentará convencer á princesiña de que se lave e de que empece a levar hábitos máis saudables.

A través deste conto traballarase principalmente o tema da hixiene e outros valores importantes como son o traballo en equipo, a empatía, o respecto, a comunicación e a cooperación. Trátase dunha obra con moita interacción co público escrita e escenificada pensando na rapazada máis miúda.

A peza chega como primicia ao noso concello da man de La GuaGua, xa que a compañía especializada en animación e espectáculos infantís estrea esta nova creación na Casa da Cultura, igual que fixera anteriormente con “Lúa en Vila dos Libros (pequenísimo musical)”.

Esta representación e outros eventos incluídos no programa contan co apoio económico da Deputación da Coruña. Con “Tufina, unha princesiña porquiña pouco fina” tamén se estrea a programación do Nadal impulsada polas áreas de Cultura, Deportes, Igualdade e Desenvolvemento local. Son máis dunha decena de eventos entre obras teatrais, exposicións, actividades deportivas, cine e os clásicos destas datas: o mercado local do domingo 18, a visita do Apalpador -que pasará o 23 pola Casa da Cultura e polo local social de Naraío- e a chegada dos Reis Magos do Oriente na tarde do 5 de xaneiro.

No apartado escénico destacan, ademais, “Un lugar chamado Mundo” para o alumnado do CPI o xoves 15 e “A Nena e o Grilo nun Barquiño”, que Ghazafelhos e Magín Blanco representarán na Casa da Cultura o sábado 17 a partir das 19.00h. con entradas a 5€. Poden reservarse desde xa chamando á oficina do centro cultural ou mandándolle un correo ao técnico, agustin.perez@sansadurnino.gal.

A música tamén terá un oco no programa con dous eventos. Cadrando co mercado local os coros de Lamas e San Sadurniño ofrecerán un recital de panxoliñas ás 12.45 no patio interior da Casa do Concello e o día 23 ás 18.00h. arrancará en Naraío un obradoiro de cantos do Nadal no que se montarán sobre a marcha varias melodías con voz e instrumentos tradicionais.

A programación de Cultura complétase coa exposición de fotografías nocturnas “Nocturnalia” do cedeirés Alberte Couto -aberta polas mañás ata o 2 de xaneiro na galería da casa consistorial- e co ciclo de cinema “Ficciónate” que se pasará na tarde do 30 de decembro na Casa da Cultura. Trátase dunha mostra composta por catro curtametraxes galegas -Rancor, El Comediante, Fálame do silencio e Unary- que finalizará cun debate sobre a creación audiovisual e a situación do sector en Galicia. Nela participarán algúns dos directores e produtores das obras proxectadas.

Deporte solidario e en feminino
A parte deportiva é tamén abondosa e iniciarase o domingo 18 durante a tarde coa Xornada de Deporte en Feminino. Unha iniciativa para fomentar a igualdade na práctica do deporte que, ademais, terá unha finalidade solidaria. Ese día, a partir das 17.00h., o Pavillón Municipal acollerá un partido de voleibol entre o Aldebarán xuvenil e o Narón-Volea xunto co III Trofeo solidario de fútbol sala feminino Concello de San Sadurniño, no que se enfrontarán as rapazas da Fervenza FS contra Viaxes Amarelle Fs. O peche da gala será cousa do Club Brío, que ten preparada para a ocasión unha exhibición das súas formacións de baile moderno.

A entrada é gratuíta, pero pídeselle ao público que traia da casa algún alimento non perecedoiro, como poden ser conservas, arroz, galletas, pastas, fariña, leite en pó, cacao, azucre, aceite, lentellas, garavanzos, turróns, polvoróns, etc. Ademais tamén se recollerán artigos de limpeza e hixiene persoal, como xabóns, pasta de dentes ou cueiros. Co que se recolla faranse lotes que despois serán distribuídos polos Servizos Sociais do Concello entre aquelas familias do municipio con menos recursos.

Outro clásico que volve por estas datas é o Nadal deportivo, dirixido á rapazada de 6 a 12 anos e pensado para que poida practicar distintas disciplinas adaptadas a esa banda de idades. Desenvolverase polas mañás no Pavillón Municipal e nas pistas do CPI desde o 26 ao 30 de decembro. Máis que un curso intensivo, o que se pretende é que os nenos e nenas entren en contacto coas técnicas básicas de varias actividades físicas co obxectivo de que aprendan e compartan un tempo de lecer durante cinco días das súas vacacións.

Esta proposta é gratuíta e os deportes e actividades elixidas son o volei, o fútbol sala, o baile moderno, o hip-hop, a ximnasia rítmica, a bicicleta, o judo, o baloncesto, os xogos tradicionais e predeportivos e mailo béisbol.

As inscricións poden facerse ata o 22 de decembro pasando pola Casa da Cultura, mandando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamando ao 981 490 027 (ext.3)