Friday 22 de November de 2024

Fene inicia este sábado a súa programación do Nadal con máis dunha vintena de propostas culturais e deportivas



A Concellaría de Cultura, Xuventude e Deportes de Fene ten xa a punto a programación de actividades para o Nadal
Son máis dunha vintena de eventos entre música, teatro, obradoiros para todas as idades, exposicións e propostas deportivas cun enfoque lúdico que se irán solapando desde o sábado ata ben pasado o día de Reis. Na parte cultural destacan a visita do Apalpador aos centros de ensino e os espectáculos infantís que se desenvolverán na Casa da Cultura vencellados á promoción da lectura, xunto coas exhibicións tanto das escolas de música como dos coros das entidades veciñais. No referido a deportes a programación abrangue tamén unha boa presada de alternativas para rapazada e maiores, entre elas a tradicional carreira de San Silvestre do día 30 e os obradoiros multideportivos concibidos, ademais, como un servizo de conciliación para as mamás e os papás durante as vacacións da cativería. Os horarios concretos, os prazos e lugares de inscrición de todas as actividades están dispoñibles na web municipal, www.fenecidadan.gal

A programación arrancará precisamente polo deporte, xa que este sábado día 10 pola tarde o Pavillón da Xunqueira acollerá a VI Exhibición solidaria de baile moderno e bailes de salón na que participarán clubs e escolas de toda a comarca. A entrada é gratuíta, pero pídeselle ao público que achegue produtos alimentarios non perecedoiros que despois se distribuirán entre as familias do municipio con menos recursos.

Con esa mesma finalidade solidaria tamén se organizou para a mañá do sábado 17 un torneo de minikatas de judo. Terá lugar no mesmo sitio, no Pavillón da Xunqueira, e ademais de alimentos tamén se poderán entregar xoguetes en bo estado.

Os eventos deportivos continuarán na tarde do venres 23 de decembro coa III Exhibición de ximnasia artística do Nadal no Pavillón do Ramo e o 30 coa carreira popular San Silvestre 2016 que percorrerá as rúas do Concello a partir das 17.30h. As inscricións poderán formalizarse ata o día 27 e, igual que nos casos anteriores, farase unha recollida de alimentos cun longo período de conservacións, como é o caso dos cereais, as conservas, a pasta, cacaos en pó, chocolates, azucre, arroz, etc.

Xa para despois de Reis, os días 7 e 8, quedou fixado o Torneo de Fútbol sala que disputarán na Xunqueira equipos formados por clubs locais e escolas deportivas.

Porén, antes daquela aínda se poderá acudir a outras cinco propostas que se desenvolverán durante varios días. Así, nas mañás dos luns, mércores e venres desde o 27 até o 4 de xaneiro, a aula e mailo ximnasio do polideportivo da Xunqueira acollerán o Campamento Lúdico de Nadal para Peques, dirixido a rapazada nacida entre o 2008 e o 2013. A actividade ten un prezo de 15,70€ e oferta 25 prazas.

Ademais deste, a Xunqueira tamén será escenario doutros dous obradoiros. Un deles iniciará ás persoas participantes na patinaxe cos mesmos días e horarios que o campamento pero con quendas diferenzadas para menores e para persoas adultas. En cada unha delas hai 30 prazas dispoñibles. Outra das iniciativas, titulada “Xogamos, obradoiro multideportivo de Nadal”, está pensada para nenos e nenas maiores de 6 anos. Desenvolverase os días 27 e 29 de decembro e o 3 e 5 de xaneiro polas mañás con 25 prazas dispoñibles.

Por último, a programación deportiva do Nadal tamén inclúe un curso introdutorio ás Técnicas de defensa persoal para maiores de 12 anos que terá lugar no ximnasio da Casa da Cultura os días 26, 27, 28 e 29 de decembro. Serán sesións gratuítas de unha hora e media de duración a partir das 17.30h. Hai 14 prazas.

En paralelo, o Concello tamén organizou xornadas de Xogos acuáticos en familia na piscina municipal de Centieiras os luns, venres e domingos desde o 22 de decembro ao 8 de xaneiro. Haberá tres quendas de 45 minutos entre as 12 e as 13.30h. e nelas poderán participar tanto a rapazada como persoas adultas, que serán as únicas que deberán pagar entrada.

O prazo para apuntarse naquelas actividades que requiran inscrición previa permanecerá aberto do 9 ao 19 de decembro. A solicitude deberá formalizarse no Pavillón da Xunqueira.

Cultura tamén para todas as idades
A oferta cultural do Concello de Fene vai á par da deportiva programando unha ducia de actividades para todas as idades aínda que cun maior peso específico do público infantil. As primeiras citas téñenas o martes 12 e o mércores 13 de decembro coa visita do Apalpador aos centros de escolares do municipio. Unha visita na que o carboeiro do Courel agasallará aos nenos e nenas con lambetadas ecolóxicas ao tempo que lles deixará ensinanzas relacionadas co respecto pola natureza, a recuperación da tradición cultural e os hábitos saudables.

A visita do Apalpador daralle paso o sábado 17 a partir das 20.00h. ás masas corais do municipio, reunidas no local do CCRD de Perlío co gallo do XVI Festival de panxoliñas Concello de Fene. Actuarán sete formacións locais nun concerto acaído a estas datas que organiza a Rondalla Perla do Río.

Ao luns seguinte, o 19 de decembro, a música será cousa das escolas de solfexo, piano e guitarra dentro do Festival de Nadal que se celebrará no salón de actos da Casa da Cultura a partir das 17.00h. Esta non será a última cita melódica, xa que a igrexa parroquial de Limodre acollerá o xoves 22 a partir das 20.30h. un concerto do Tradicoro Airiños de Fene organizado pola asociación veciñal da parroquia.

Canda a música, a Concellería de Cultura programou varias actuacións pensadas para a rapazada e o público familiar. Deste xeito, o 20 de decembro ás 18.00h. a ilusionista Fani Triana encherá coas súas “Fantasías” a Casa da Cultura e ao día seguinte á mesma hora tocaralle a quenda ao espectáculo da compañía Ghazafelhos “Iriña Bailarina”, aínda que xa na biblioteca pública municipal “Xosemaría Pérez Parallé”. A obra -orientada a alumnado de infantil e primaria de máis de 3 anos- abonda sobre a igualdade de xénero e a eliminación de estereotipos sociais a través de personaxes e dunha trama adaptada á infancia.

A biblioteca municipal aínda albergará o xoves 22 pola mañá -12.00h.- os “Nanocontos” de Raquel Queizás. Son pequenas historias protagonizadas por monicreques de animais co obxectivo de estimular a percepción e a psicomotricidade das crianzas de 0 a 3 anos, espertando ademais a súa atención e o interese polo mundo que as rodea.

O último espectáculo escénico correrá por conta da “Bruxiña do Nadal” de Tiemaiseu Teatro. Vai para nenos e nenas de infantil e primaria e entra de cheo na maxia destas datas cunha proposta de guiñol e personaxes ao vivo. A cita é o xoves 29 ás 12.00h. no salón de actos da Casa da Cultura.

Máis maxia
Un clásico na programación do Nadal é o ilusionismo. Xunto coa de Fani Triana hai previstas outras dúas actuacións na Casa da Cultura, unha o martes 27 ás 12.00h. co “Profesor máxico” e outra ao día seguinte á mesma hora protagonizada polo Gran Pedrini e a súa “Chisteira máxica”. Espectáculos ambos que combinan o humor e a prestidixitación aínda que desde unha óptica distinta, posto que o primeiro mestura maxia e ciencia e o segundo tira máis polo camiño do ilusionismo, a risa e o clown.

E xa que se fala de maxia, cómpre lembrar que a noite máis máxica, a do 5 de xaneiro, irá precedida da tradicional cabalgata dos Reis Magos do Oriente, que sairá de Perlío a iso das 18.00h. percorrendo a avenida Marqués de Figueroa e rematando o seu traxecto diante do Concello, onde as Súas Maxestades escoitarán peticións infantís de última hora ou recordatorios do que xa se lles mandou por correo. A cabalgata rematará cunha festa infantil no serán dun día onde é obrigado recollerse cedo.

Exposicións e ampliación do horario do Museo do Humor
As propostas organizadas co gallo das festas do Nadal continuarán até o 14 de xaneiro coa exposición fotográfica “Objetivo Ferrol 2.0”, que abrirá ao público o 21 de decembro na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura. É unha colección de 40 instantáneas sobre Ferrol e os seus arredores captadas por unha vintena de fotógrafos e fotógrafas integrantes desta sección temática do Grupo Bazán. Poderá visitarse de luns a venres de 10 a 13 horas e de 16 a 21, mentres que os domingos e festivos permanecerá pechada.

Ata o día 30 de decembro tamén estará aberta no salón de plenos do Concello a mostra “Via Iacobitana I”. Neste caso son 50 fotografías de Tino Diz e Luís Gabú arredor do patrimonio histórico, inmaterial e social das rutas xacobeas. A mostra pode visitarse de 9 a 14.00h. de luns a venres, agás festivos.

En relación cos horarios tamén cómpre lembrar que o Museo do Humor amplía o seu tempo de apertura. Polas mañás permanecerá aberto de 10 a 14.15h. e os días 22, 27 e 29 de decembro tamén se poderá visitar en horario de 17 a 21.00h.

Este horario extraordinario é posible grazas a unha subvención da Deputación da Coruña para contribuír aos gastos de persoal. O ente provincial colabora, ademais, en varias das actuacións incluídas no programa a través da Rede Cultural.