Trátase dunha extensión do festival de arte urbana DesOrdes Creativas. Poderase desfrutar de balde dos concertos de Familia Caamagno, Sokram ou Os do Xalo, entre outros. Tamén haberá live painting, sesións de deejais e roteiros polos murais artísticos da vila
Este vindeiro sábado, 10 de decembro, o Campo da Feira de Ordes será lugar de encontro musical grazas a unha nova edición, a quinta xa, do festival DesOrdes Sonoras. Unha cita que poderán desfrutar de balde todas aquelas persoas que queiran asistir. O programa compóñeno os grupos Familia Caamagno, Sokram, Bala, The Fabulous Resaca Brothers e Croma, quenes ocuparán o escenario a partir das 21.30 horas. Moito antes, de 12 a 16 horas Os do Xalo serán os encargados de animar unha prolongada sesión vermú. Ao longo da xornada tampouco faltarán sesións en vivo de dejais.
DesOrdes Sonoras é definido polos seus organizadores como “un festival artístico-músical que supón unha extensión do festival de arte urbana DesOrdes Creativas”. Contará cunha ampla carpa na que se poderán adquirir bebidas e comida. Nel tamén se mesturarán sesións de live painting cos artistas Nö3l e Nömada, ademais de roteiros guiados por gran parte dos murais distribuídos por toda a vila ordense. Os encargados de explicar cada unha destas os obras serán os integrantes do colectivo Mutante Creativo, organizadores do dito festival e tamén da cita desta fin de semana, para a que contan coa colaboración do Concello de Ordes e co da Deputación da Coruña.