Saturday 16 de November de 2024

Concurso de escaparates, mercado da artesanía e torneo de pádel, grandes novidades do Programa de Nadal de Oroso


Este ano multiplicaranse as ofertas de programas de conciliación xa que ao Christmas Camp do Concello súmanse os campus da ED Xuventude de Oroso e do Club Patín Oroso

O Concello de Oroso vén de face público o seu Programa de Nadal, que chega cargado de actividades para todos os gustos e idades, e case todas de balde. Un programa que combina propostas tradicionais con varias novidades, moitas delas en colaboración co sector comercial e hostaleiro orosán. É o caso do I Concurso de Escaparates de Nadal, que terá lugar entre o 14 de decembro e o 6 de xaneiro, ou da campaña de recollida de alimentos, produtos de hixiene persoal e do fogar, que este ano se suma á iniciativa En Reis, ningunha nena nin neno sen regalos na que participan 90 locais para recoller cartos cos que mercar agasallos para as familias máis desfavorecidas do municipio.

Outra novidade é o Mercado de Artesanía, que terá lugar nas rúas Xuncal e Lengüelle o 23 de decembro, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. Unha iniciativa aberta á participación da veciñanza, que só ten que anotarse no Centro Cultural de Sigüeiro para obter o seu posto. O deporte completa as novidades deste ano, coa primeira edición do Torneo de Pádel Xuventude, que terá lugar nas mañás do 29 e 30 de decembro.

Conciliación

Así mesmo, este ano as familias de Oroso disporán de ata tres ofertas distintas de conciliación. Por unha banda, o Concello de Oroso e Escuela Contalento convocan o Christmas Camp 2016, dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e que terá lugar no CEIP do Camiño Inglés ao longo de 11e días (22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e 2, 3, 4 e 5 de xaneiro). As cotas de inscrición oscilan entre os 60 euros (para o horario de 9:00 a 14:00 horas) e os 80 euros (de 7:30 a 15:30 horas). Inscricións no Centro Cultural de Sigüeiro (981 69 09 03) ou na Escuela Contalento, no paseo do Carboeiro 9 (881 981 905 ou 604 002 616).

Por outra, a ED Xuventude de Oroso, en colaboración co Concello de Oroso, pon en marcha o seu primeiro Campus de Nadal, do 26 de decembro ao 5 de xaneiro, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Está dirixido a nenos e nenas de 4 a 16 anos e os prezos oscilan entre os 50 euros (dúas semanas) e 30 euros (do 26 ao 30 de decembro) ou 25 euros (do 2 ao 5 de xaneiro). Inscricións no campo de fútbol ou no centro deportivo Juanito Amigo de Sigüeiro.

E a terceira oferta é o Nadal sobre Rodas en Familia, que organiza o Club Patín Oroso en colaboración co Concello de Oroso. Neste caso, a iniciativa terá lugar do 26 ao 30 de decembro, de 8:30 a 14:30 horas. Haberá xogos, obradoiros, patinaxe, hockey, merenda… por 50 euros de matrícula. Inscricións no centro deportivo Juanito Amigo de Sigüeiro ou no 659 896 895.

Actividades

A aceptación ou non da veciñanza será quen decida se estas actividades volven repetir o ano que vén, como acontece coa excursión Birlos e patinaxe sobre xeo (luns 26), o Concerto de Nadal da Aula de Música (venres 20) ou o obradoiro Imos Cantar os Reis (3 de xaneiro), que inclúe a construción dos instrumentos e a saída a cantar polos establecementos da contorna para pedir o aguinaldo. Tamén haberá tempo para a maxia, co Mago Linaje e La magia de la Navidad (venres 28), e para o teatro, con Gretel e bela, de Teatro da Semente (xoves 22).

Canda estas novidades repiten os clásicos destas datas: o concurso de postais de Nadal con Mensaxe, o Belén vivente da gardería A Ulloa (venres 16, ás 18:00 horas), o Festival do CRA e as visitas dos Paxes Reais (mércores 21), o baile de Nadal para maiores (sábado 27, ás 19:30 horas), o concerto de Panxoliñas (venres 23, ás 20:30 horas), a gran Cabalgata de Reis (5 de xaneiro, ás 18:00 horas) ou os obradoiros de Nadal (xoves 29, ás 17:00 horas) e de Carbón de Reis (4 de xaneiro, ás 17:00 horas). Todas as actividades terán lugar no centro cultural de Sigüeiro e son de participación gratuíta e libre, salvo nos obradoiros nos que é preciso anotarse previamente no centro cultural.

E todo sen esquencer o programa de animación á lectura da Biblioteca Municipal de Sigüeiro: con contacontos (sábado 17 de decembro, ás 11:00 horas), club de lectura (venres 23, ás 18:00 horas) e Rebotica dos Contos (venres 30, ás 18.00 horas). Inscricións e máis información no centro cultural (981 690 903) e www.concellooroso.com.