Friday 22 de November de 2024

XXX aniversario do Museo do Humor de Fene


Manuel Manquiña abre este venres en Fene o ciclo de monólogos “As risas son boas”

“¿Qué hacer con la gente molesta?”. É o título do espectáculo que presentará este venres na Casa da Cultura de Fene o popular actor Manuel Manquiña, no arranque da programación do XXX aniversario do Museo do Humor de Fene. A función encádrase no ciclo de monólogos “As risas son boas” que se desenvolverá ao longo do mes de novembro e no que tamén tomarán parte outros grandes monologuistas como Evaristo Calvo, Pepo Suevos, Isabel Risco ou a Compañía Viriscrón. Todas as función serán ás oito do serán e con entrada gratuita (previa recollida de invitacións o mesmo día do espectáculo, a partir das 16 horas, na Casa da Cultura de Fene). Aforo limitado a 120 localidades.
Amais do ciclo de monólogos que arrinca este venres, dende a concellería de Cultura adiántase que na xornada central do 30º aniversario do Museo do Humor, prevista para o luns 24 de novembro, haberá un obradoiro de caricatura a cargo do debuxante David Pintor (Pinto&Chinto). Tamén se inaugurará ese día na sala de exposicións da Casa da Cultura de Fene unha mostra de caricaturas titulada “Pola cara” e presentarase a carpeta conmemorativa do XXX aniversario do Museo, con ilustracións de debuxantes e humoristas gráficos galegos de primeiro nivel.
CICLO DE MONÓLOGOS
“Qué facemos coa xente molesta que come no cine e non nos deixa desfrutar da película?; por qué os guionistas de cine poñen trapelas nos teitos dos ascensores; por qué apagamos as luces dos grandes monumentos unha vez ao ano e dicimos que é o día do planeta?”. A estas e outras cuestións responde Manuel Manquiña no seu último espectáculo, “Qué hacer con la gente molesta?”. Nel, o popular actor fai unha crítica e unha crónica do social, falando dende o punto de vista dunha persoa adulta das molestias que xeneran algúns comportamentos cidadáns “que poden estar reflexados nas conductas dos tertuliáns, no maniqueísmo dos partidos políticos, en cómo se repiten determinados tics ou en cómo seguimos caendo periódicamente nos mesmos erros”.
Manuel Manquiña actuará este venres, 7 de novembro, ás 20 horas na Casa da Cultura de Fene, na que será a primeira función do ciclo “As risas son boas” que organiza a Concellería de Cultura para conmemorar o XXX aniversario do Museo do Humor. As persoas que queiran asistir ao espectáculo poderán recoller as invitacións (dúas por persoa) o mesmo venres a partir das catro do serán na Casa da Cultura de Fene.
Trala actuación de Manquiña en Fene, o vindeiro venres, 14 de novembro, tomará o relevo o tamén actor Evaristo Calvo cun espectáculo titulado “O turista madrileño”. Trátase dunha creación de Zopilotes, trío composto polos guionistas Andrés Mahía, Carlos Ares “Parrocho” y Xosé Castro “Pato”, artífices de AIR GALICIA, programa de humor emitido durante varias tempadas na Televisión de Galicia e gañador do Premio Mestre Mateo á mellor serie do audiovisual galego en 2008.
Os monólogos continuarán en Fene o venres 21 de novembro co ferrolán Pepo Suevos e o seu espectáculo “Humor salvaxe”. Pepo Suevos é na actualidade un dos humoristas máis cotizados e con maior experiencia de Galicia (coñecido pola súa participación en filmes e series como Luar, Land Rober, Piratas, Terra de Miranda ou Heroína).
Na xornada do luns 24 de novembro, coincidindo cos actos centrais do aniversario, actuará na Casa da Cultura de Fene a actriz Isabel Risco, interpretando a “Chelo Garcia Naveira, máis coñecida como Naviza Girl, unha superheroína rural galega con denominación de orixe protexida e con super-poderes que proveñen do sulfato”.
O ciclo “As risas son boas” concluirá o venres 28 de novembro coa Compañía Viriscrón (dúo formado polo actor-creador Ricardo de Barreiro e polo músico-compositor Guillerme Fernández). O espectáculo que presentarán ese día, “Sobre o desamor e outras mariconadas”, parte do poemario homónimo de Barreiro, integrándose nel os versos con música e a acción escénica.
24 DE NOVEMBRO
Xa está aberto o prazo para apuntarse ao obradoiro “Seguro que sabes o que é unha caricatura?” que impartirá no Museo do Humor de Fene o debuxante David Pintor (Pinto&Chinto). A actividade, dirixida a persoas adultas e/ou nenos/as maiores de 10 anos, desenvolverase o luns 24 de novembro, de 16.30 a 18.00 horas, no marco dos actos de conmemoración do XXX aniversario do Museo do Humor de Fene. Para participar nesta actividade (gratuita) cómpre apuntarse no teléfono 981 342 400 (do Museo do Humor), de luns a venres, de 8.00 a 14.30 horas.
“Seguro que sabes o que é unha caricatura” plantéxase coma un obradoiro teórico-práctico no que o debuxante David Pintor falará sobre o seu traballo como caricaturista político no xornal La Voz de Galicia e no que amosará unha selección das súas obras. Ao remate, realizará tamén algunha caricatura (ao vivo).
David Pintor (A Coruña, 1975) é un dos humoristas gráficos, ilustradores e pintores galegos máis internacionais. Dende o ano 1993 forma parella profesional (Pinto&Chinto) con Carlos López co que publica a diario as súas viñetas no xornal La Voz de Galicia. No ano 2011 foi finalista dos premios CJ Picture Book Awards e foi incluído na lista The White Ravens; tamén foi seleccionado para expoñer a súa obra en varias edicións da Bienal de Ilustración de Bratislava e da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Bolonia. Recibiu, entroutros o Premio Internacional Clermont-Ferrand de cadernos de viaxe e o Premio Ilustrador do Año Città del Sol.
Finalizado o obradoiro de David Pintor, o mesmo luns 24 de novembro está previsto que se inaugure na sala de exposicións da Casa da Cultura de Fene unha exposición de caricaturas, titulada “Pola cara”. Nesta mostra, producida polo propio Museo do Humor de Fene, amosarase unha importante colección de caricaturas doadas para a ocasión por máis de medio cento de debuxantes e caricaturistas galegos, españois e internacionais (Abraham Carreiro, Ulisses Araujo, David Lara, Jorge Inacio, Carlos Sardiña, Christian Jacob, Raúl Iglesias, Moisés Ramírez, Gogue, David Pintor, José Luis Castro Lombilla, Baptistao, Polo, Walter Toscano, Xavi, Sebastian Cast, Armando Gámez Padrón, Álex Gallego, Jarbas Domingos, José Julio, etc.)
A exposición permanecerá na Casa da Cultura de Fene ata finais do mes de decembro, iniciando despois a súa itinerancia por cantos concellos, entidades sociais ou colexios a soliciten.
E xa, por último, como colofón aos actos do XXX aniversario do Museo do Humor, presentarase -tamén na xornada do 24 de novembro- unha carpeta conmemorativa con debuxos alusivos a esta efeméride. Para este cartafol contouse coa colaboración de importantes debuxantes e humoristas gráficos galegos como Siro, Pepe Carreiro, Xan López Domínguez, Calros Silvar, Santy Gutiérrez, Pinto&Chinto, Andrés Meixide, Xosé Lois, Gogue, Nachortas ou Manuel Uhía.
A propósito da conmemoración deste XXX aniversario, no acto de presentación da programación, o alcalde de Fene, Gumersindo Galego, salientou especialmente a singularidade do Museo do Humor e fixo referencia “a todo o que aínda queda por amosar”, aludindo á grande cantidade de fondos que o Museo foi acadando nestes trinta anos “e que haberá que ir recuperando e amosando”.
Pola súa parte, a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, agradeceu a colaboración de todos os artistas que participaron tanto na exposición “Pola cara” como na carpeta conmemorativa do XXX aniversario. Asimesmo, convidou aos veciños/as de Fene e da comarca a participar nos actos do 30 aniversario do Museo do Humor e lembrou que durante todo o mes de novembro estará instalado na Casa da Cultura de Fene o photocall do XXX aniversario do Museo, podendo fotografarse nel todas as persoas que asistan ás distintas actividades e que así o desexen.